Habilitarase un Punto Lila contra as violencias machistas o mércores 25 na Seca.
As Festas de San Xoán de Poio volverán ser inclusivas para toda a cidadanía, de xeito que todos os días silenciaranse as atraccións de feira, barracas e outras máquinas recreativas para que as persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) poidan disfrutar delas nun ambiente seguro e respectuoso. Desde a concellería de Festexos, Fran Dasilva, explica que a hipersensibilidade auditiva provócalles que os ruídos fortes lles afecten moito máis, ata o punto de converterse nunha barreira importante que lles impide gozar destas atraccións. Por iso, o Goberno local volveu negociar para que este ano se reserven como mínimo dúas horas diarias, entre as 18.00 e as 20.00 horas, o funcionamento das atraccións sen son e, deste xeito, garantir que ningunha persoa con autismo teña problemas para acceder a elas.
Así mesmo, co propósito de minimizar o impacto acústico, o Concello de Poio irá anunciando a través das súas redes sociais os horarios da pirotecnia programada, tanto para informar ás persoas con hipersensibilidade como para previr os efectos en animais. Está previsto que as sesións de fogos de artificio teñan lugar este luns 23, ás 12.00 horas desde A Seca, igual que os días 24, 25 e 26, pero nestes casos ás 13.00 horas. Terán unha duración aproximada de 15 minutos. Con respecto á noite do 26, ás 00.00 horas, tamén na Seca haberá fogos de lucería, cunha duración aproximada de 20 minutos.
Esta mañá celebrouse a mesa de coordinación do dispositivo especial de seguridade, deseñado ante a previsión de milleiros de asistentes durante os seis días de celebración. Ademais de coordinar os corpos de seguridade que van participar no operativo, tamén revisaron a sinalización dos aparcadoiros así como a organización do Punto Lila que se instalará na Seca o día 25, coincidindo coa verbena das orquestras París de Noia e Os Satélites.
O Punto Lila estará dispoñible desde as 22.00 ata 3.00 horas. É un punto de referencia no que informarse sobre a violencia machista, pero sobre todo, un espazo seguro e tranquilo ao que poden asistir as vítimas en caso de agresión. Dúas promotoras de igualdade atenderán neste espazo, e ocuparanse de comunicar a situación ás forzas de seguridade para activar o protocolo de actuación.