2023.
A concelleira de Cultura e Educación, a nacionalista Raquel Rodríguez, mantivo hoxe unha reunión de traballo con Andrés Reboreda, da asociación E.mai, para perfilar as actividades que se levarán a cabo nos vindeiros meses nos centros educativos da vila, a través do programa Ecoloxía Circular. Trátase dunha proposta que se puxo en marcha nos colexios de Poio por primeira a principios deste curso e que durante a súa primeira fase contou cunha gran resposta por parte da comunidade escolar.
Tal e como lembra Rodríguez Alonso, o obxectivo deste proxecto, en clave de rexeneración medioambiental, non é outro que “concienciar á rapazada e á mocidade de protexer os recursos naturais e a biodiversidade, a través do uso e coñecemento dos beneficios que achegan os microorganismos rexeneradores do hábitat no que se establecen”.
Deste xeito, logo das primeiras actividades levadas a cabo entre os meses de outubro e decembro, que se centraron na iniciación en cuestións como a identificación e o uso doméstico de microorganismos rexeneradores, nesta segunda fase abordaranse cuestións como o estudo de problemas medioambientais existentes en Poio e na contorna. A partires de aí, os nenos e nenas contarán con pautas e ferramentas para valorar de que xeito estes microorganismos rexeneradores “poden supoñer unha solución aos problemas medioambientais identificados”. O labor que se lle proporá ás crianzas tamén incluirá unha actuación a pequena escala con estes microorganismos, como aprendizaxe de uso e para observar os resultados. “É unha metodoloxía coa que pretendemos que os cativos e cativas teñan unha concepción práctica dos beneficios da ecoloxía circular a pequena escala, antes de emprender tarefas de máis intensidade”, apunta a edil de Cultura e Educación, que tamén adianta que ao fina ldo curso haberá unha presentación pública por parte dos centros escolares sobre as accións realizadas.
Esta iniciativa, impulsada desde a Concellería de Educación, está sendo impartida tantos nos CEIPS como no IES e na Escola do Vao por parte da Asociación Cultural E.mai Ecoloxía Circular ACEMEC. A edil delegada da área, Raquel Rodríguez (BNG), incide en que “a concienciación social sobre o coidado e o respecto pola nosa contorna e o medio ambiente comeza nas novas xeracións. Os nenos e nenas son, ademais, os perfectos transmisores dos valores e coñecementos que adquiren con esta actividade, ao compartilas coas súas familias”, engade.
Deste xeito, o alumnado pode familiarizarse cos microorganismos rexeneradores autóctonos, que son aqueles que se atopan nos bosques e que non están modificados pola actividade humana. O desenvolvemento e organización deste tipo de iniciativas e proxectos enmárcase dentro do programa Poio en Verde, impulsado neste mandato polo Concello de Poio, de xeito transversal a través das Concellerías de Educación, Medio Ambiente e Deportes, co obxectivo de fomentar, coidar e impulsar zonas de esparcemento, ao tempo que se pretende concienciar sobre o coidado da contorna medioambiental e co cumprimento das pautas establecidas na Axenda 2030.