O programa Máis Cultura destina 16.000€ para facilitar as actuacións de grupos locais nas festas e actividades organizadas por colectivos

23/01/2024

O Concello de Poio acaba de aprobar as bases do programa Máis Cultura, que destina 16.000 euros para apoiar aos colectivos e a difusión da cultura popular. Unhas axudas que facilitan as actuacións de grupos locais nas festas patronais e noutras actividades ou eventos organizados por colectivos ao longo do ano, como claro apoio ao tecido cultural e veciñal do municipio. En 2023, o Concello de Poio autorizou máis de 75 actuacións de agrupacións folclóricas, pandereiteiras, corais, solistas, charangas, batucadas e outros grupos de música popular.

Este ano refórzase a estratexia de difusión, para ofrecer unha maior visibilidade das actuacións que se desenvolverán en cada lugar, e fomentar así a participación e promover a cultura de base. Así, incluirase unha axenda na web do Concello de Poio na que se incluirán as actuacións que se programen a través deste programa, e tamén se lles dará difusión a través das redes sociais do concello e ofrecerase a impresión de carteis promocionais a aquelas entidades que o soliciten.

Poderán acollerse ao programa Máis Cultura as agrupacións e asociacións sen fins de lucro inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, así como as comisións de festas legalmente constituídas que promovan a realización de celebracións patronais ou outras actividades culturais. Subvenciónanse ata un máximo de dúas actuacións por festa ou evento que teña unha duración de dous días, e catro actuacións no caso de que o evento ou a festa dure tres ou mais xornadas. As solicitudes deberán presentarse cunha antelación mínima de 20 días con respecto á data da actuación, e antes deberán poñerse en contacto cos grupos inscritos no catálogo para concretar días, coñecer as condicións e facilitarlles a actuación, tal e como se establece nas bases.

As bases están pendentes de publicación no BOP e nestes días xa se activará na Sede Electrónica do Concello de Poio o trámite para facer as solicitudes.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio