Natalia Sabarís explica que “este apoio do Concello de Poio é imprescindible para o desenvolvemento e promoción de todo este tecido asociativo, cultural e veciñal no noso municipio”.
O Concello de Poio aprobou as bases do programa Máis Cultura 2025, que destina 16.000 euros para apoiar aos colectivos e a difusión da cultura popular. Unhas axudas que facilitan as actuacións de grupos locais nas festas patronais e noutras actividades ou eventos organizados por colectivos ao longo do ano, como claro apoio ao tecido cultural e veciñal do municipio.
En total 25 grupos locais forman parte do catálogo do programa Máis Cultura, que se actualizou hai uns meses para ampliar a súa oferta e incluír tamén propostas de verbena galega, teatro ou audiovisual. Así, neste novo catálogo de grupos e artistas inclúese unha ampla variedade e oferta para que as entidades e colectivos poidan organizar as súas actividades e festas ao longo de todo o ano: agrupacións folclóricas, pandereteiras, corais, música popular instrumental ou solistas, agrupacións verbena galega, teatro e clown e outros grupos, entre os que se inclúen audiovisuais, baile moderno, DJ… As aportacións económicas municipais oscilan entre os 150€ e os 240€ por actuación, independentemente de que os grupos teñan un caché superior.
A concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, subliña que “estas axudas supoñen un apoio moi importante para os colectivos e para a difusión da cultura popular”. Así, pon en valor que durante o ano pasado o Concello de Poio autorizou e financiou máis de 80 actuacións de grupos locais en actividades e festas organizadas por entidades e colectivos do municipio. Armadiña, o Ateneo Corredoira, Ronsel, Arela, AG Gaiteiro Villanueva, Rosa dos Ventos, asociacións veciñais de Campelo, O Pereiro, Raxó… recibiron colaboración directa do Concello de Poio para os eventos, festas patronais ou outras actividades que organizaron. “Este apoio decido do Concello de Poio é imprescindible para o desenvolvemento e promoción de todo este tecido asociativo, cultural e veciñal no noso municipio”, engade.
ABERTO O PRAZO PARA SOLICITAR AS ACTUACIÓNS
Poderán acollerse ao programa Máis Cultura as agrupacións e asociacións sen fins de lucro inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, así como as comisións de festas legalmente constituídas que promovan a realización de celebracións patronais ou outras actividades culturais. Subvenciónanse ata un máximo de dúas actuacións por festa ou evento que teña unha duración de dous días, e catro actuacións no caso de que o evento ou a festa dure tres ou mais xornadas.
As solicitudes deberán presentarse cunha antelación mínima de 20 días con respecto á data da actuación, a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica do Concello de Poio. Antes deberán poñerse en contacto cos grupos inscritos no catálogo para concretar días, coñecer as condicións e facilitarlles a actuación, tal e como se establece nas bases.