O PROGRAMA DESCUBRE POIO ESTREA AS FORMACIÓN DA SÚA SEGUNDA EDICIÓN AFONDANDO NA UTILIDADE E EFICACIA DAS REDES SOCIAIS

12/01/2024

2023.

As formacións impulsadas a través da segunda edición do programa Descubre Poio, promovido pola Concellería de Turismo, xa están en marcha. A pasada semana o Casal de Ferreirós, na parroquia de San Salvador, acolleu unha sesión formativa para profesionais do sector, que se centrou no uso das redes sociais. A cita, na que tomou parte a tenente de alcalde e concelleira delegada da área, Silvia Díaz (Avante Poio), estivo ao cargo de Alberto Ribas, ‘Alvientooo’, un ‘blogger’ especialista en viaxes e creador de contidos veciño de Poio.

Durante a sesión abordáronse cuestións sobre o manexo do Instagram, incidindo en temas como a creación dunha conta, a súa configuración e a xestión de fotografías e imaxes e actualizacións, para acadar un maior rendemento no que a promoción e visibilidade se refire. “Achegáronse pautas moi útiles tanto para profesionais que xa contan cun certo nivel e experiencia no uso das redes sociais como para persoas que precisan dunhas ferramentas máis básicas”, indica Díaz.

A esta primeira formación do ano 2023 seguirá a vindeira semana, concretamente o luns 27, a primeira xuntanza de traballo desta segunda edición do Descubre Poio. Esta terá lugar tamén en Ferreirós e para poder participar na mesma será preciso inscribirse chamando ao 625120475 ou enviando un correo electrónico a ola@descubrepoio.com. Ademais, tal e como lembra a edil de Turismo, as formacións gratuítas terán continuidade ao longo do mes de marzo, con sesións sobre rendibilidade e custes e novas tecnoloxías. Toda a información sobre as iniciativas pode consultarse na páxina web www.descubrepoio.com.


A tenente de alcalde entende que este programa é unha ferramenta moi efectiva á hora de dar un valor engadido e enriquecer a experiencia turística de Poio como destino de lecer. Tamén se fai fincapé na importancia de promover actividades e propostas que axuden a consolidar a desestacionalización, de xeito que “Poio resulte un lugar atractivo para escapadas, visitas e vacacións ao longo dos doce meses do ano”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio