O volume de endebedamento a 31 de decembro de 2024 reduciuse ao 48,4%, fronte ao 60,6% de 2023, e 55,2% de 2022
O Concello de Poio pechou o ano 2024 cun superávit de 2.370.638,05 euros. Un resultado que, segundo indica o alcalde, Ángel Moldes, demostra “a boa xestión económica que realizamos no último ano, apostando pola eficiencia, dando resposta a reclamacións históricas e ao noso programa de Goberno de xeito totalmente responsable, e facendo moito máis con menos”.
Así se recolle na conta xeral do exercicio 2024, da que dará conta no pleno da semana próxima, e que indica tamén que a previsión definitiva de ingresos durante o ano pasado ascendeu a 19,1M€ e o gasto realizado foi de 16,7M€.
Moldes valora que “no primeiro orzamento que elaborou este Goberno conseguimos dárlle a volta a unha situación económica moi complicada e fomos quen de incrementar de xeito moi importante a nosa capacidade de financiamento”. Así, recorda que recibiron unha herdanza “que marcou e comprometeu a nosa xestión durante o primeiro ano”, cunha débeda nos bancos de máis de 8M€, coas partidas esgotadas no orzamento desde o mes de xuño e con máis de 1,2M€ en débedas que deixaron a autónomos e pequenos empresarios. “Hoxe, a realidade é totalmente diferente. Poio está no seu mellor momento, con investimentos históricos, dando resposta a necesidades e prioridades da veciñanza e, incluso, aliviando a súa presión fiscal. Nada disto sería posible sen o esforzo e a xestión económica que fixemos neste tempo”, engade.
Con respecto ao volume de endebedamento, a 31 de decembro de 2024 é de 48,41%, unha cifra que se reduciu de xeito importante con respecto aos anos anteriores. Así, en 2023 situábase no 60,60%, mentres que en 2022 era do 55,19%. A débeda viva cos bancos sitúase en 7,9M€, unha cifra que, explica o alcalde, co orzamento de 2025 prevé reducir en case 900.000 euros máis.
Por último, Moldes sinala que “estamos expectantes a que o Goberno central decida e estableza esa flexibilidade aos concellos para poidamos decidir en que servizos e investimentos gastamos este superávit, para que revertan de xeito directo na veciñanza de Poio e, deste xeito, seguir mellorarando os seus servizos e a súa calidade de vida”.