O ‘PRIMAVERA EN POIO’, PUNTO DE PARTIDA DE SETE MESES DE CONCERTOS E ACTUACIÓNS MUSICAIS GRATUITAS

12/01/2024

2023.

O concelleiro de Festexos, Xosé Luís Martínez (BNG), presentou na mañá deste mércores o cartel completo da programación da primeira edición do ‘Primavera en Poio’, unha iniciativa pioneira no municipio que servirá para iniciar un ciclo en chave musical, de concertos e grandes citas lúdicas, todas elas gratuítas, que xa non cesará ata unha vez finalizado o verán. O edil do Goberno municipal aproveitou esta convocatoria para adiantar que “xa temos tamén pechada practicamente toda a programación correspondente ás festas e citas de referencia na temporada estival, que, unha vez máis, a bo seguro atraerá a un gran número de visitantes ao noso municipio”.

A actuación do Grupo América de Vigo, este venres nas inmediacións do porto de Raxó, suporá o pistoletazo de saída ao programa. Martínez, que estivo acompañado polas concelleiras nacionalistas Marga Caldas e Raquel Rodríguez, lembrou que precisamente esta fin de semana será unha das máis fortes dentro desta programación, toda vez que o sábado actuará Los Satélites no adro da igrexa de San Salvador, mentres que o domingo Panorama chegara á Praza da Chousa de Combarro. Xa a finais de abril, concretamente o sábado 29, será a quenda do Festival Sons de Ánkar, que vivirá a súa cuarta edición estreando formato e data. Tanxugueiras, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre e Treixadura son os grupos que actuarán no Parque de Ánkar de San Salvador, desde as 19.00 horas. O domingo 30 a música continuará en Samieira, na Praza Alfredo Romay, coa orquestra Marbella. O peche ao ‘Primavera en Poio’ será o martes 16 de maio, na véspera do Día das Letras Galegas, con París de Noia e Los Coleguitas, na Praza da Granxa de Campelo. Martínez Blanco amosa a súa satisfacción polo feito de poder contar con “varias das grandes orquestras de referencia de Galicia, así como con grandes grupos, que atraerán a un público moi variado e axudarán a dinamizar a actividade económica do no concello máis alá da temporada estival”.

O concelleiro de Festexos confirmou, asemade, que xa está pechado o groso da programación do ‘Verán en Poio’, que, como é habitual, iniciarase en xuño coas Festas de San Xoán ese prolongará ata finais de setembro coa Festa da Merced. “Mantemos a nosa filosofía de espallar por todas as parroquias actuacións e concertos con artistas de renome, ao tempo que introducimos algunhas novidades, como o Festival Chalana, que terá lugar en agosto e que traerá a Raxó a Álvaro de Luna”, lembrou Xosé Luís Martínez.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio