Ángel Moldes convida a veciños e visitantes a “vivir un San Xoán que vai máis alá da celebración, un San Xoán que é encontro, símbolo e orgullo dun pobo”.
O San Xoán xa se vive con intensidade en Poio. A Praza do Mosteiro acolleu este domingo o arranque oficial das festas patronais máis emblemáticas do municipio cun programa cheo de emoción e participación: o pregón de Pilar Martínez, a entrega dos Premios ao Deporte San Xoán–Pepe Otero, e unha animada verbena no Campillo coa música do Grupo Azabache.
O alcalde, Ángel Moldes, convidou a todos os veciños e visitantes a “vivir un San Xoán que vai máis alá da celebración, un San Xoán que é encontro, símbolo e orgullo dun pobo”. Neste senso, recordou que “temos por diante unha edición do San Xoán máis noso, unha festa construída desde dentro, feita pola xente de aquí e coa nosa esencia, mantendo viva a nosa tradición, cultura e identidade” e con propostas “de calidade para divertirse, para troulear e para compartir momentos con familiares e amigos”.
Neste senso, valorou que un exemplo claro deste compromiso co local é a pregoeira deste ano, Pilar Martínez, veciña do Sartal, “unha muller que representa o espírito da festa e os valores do concello”.
Tamén Pilar se referiu á parte popular, participativa e emotiva do San Xoán, e durante o seu discurso recreou a festa da súa infancia, incluíndo lembranzas para os máis maiores e aprendizaxes para os máis cativos, que puideron comprobar como cambiaron as cousas nas últimas décadas. Presentou unha sociedade completamente diferente, xa que na súa infancia estas datas eran todo un acontecemento, unhas festas moi esperadas nas que tiñan moito protagonismo as troulas da véspera de San Xoán e a solemnidade do día, e tivo un recordo moi emotivo a todas as persoas da parroquia que son parte fundamental destas festas. Rematou a súa intervención compartindo coa veciñanza versos escritos por familiares emigrados en Arxentina a principios do século XX, cheos de morriña e amor pola terra, recibidos pola súa nai e que evocaban o Poio e o San Xoán de outra época.
ENTREGA DOS PREMIOS AO DEPORTE SAN XOÁN-PEPE OTERO
A xornada deste domingo comezou coa actuación do grupo Máis Cantos, cun pasarrúas anunciando o inicio do San Xoán de Poio desde a rúa Fernández de la Mora ata a Praza do Concello, onde se fixo entrega dos premios aos gañadores do concurso dos carteis de San Xoán deste ano: a aula Infantil B do CEIP de Viñas (Coraima, Elías, Farouk e Manuel), Elia Millán, Alba Contra, Ana Mila Schulte e Emilia Hannah Beck.
Posteriormente fíxose entrega dos premios ao deporte San Xoán-Pepe Otero, que este ano recoñeceron os éxitos deportivos do futbolista Javi Rodríguez e da palista de caiac polo Lorena Nieto a nivel individual e do club Poio Bike. Tamén se realizou unha mención especial á Subida á Escusa e a Buxa Motor ao cumprirse 25 anos desta proba deportiva e recordouse a Pablo Hinojar, polo seu legado e implicación no deporte. Ademais, o Concello de Poio tamén valorou a traxectoria e a tempada doustros deportistas locais nas categorías feminina, masculina e equipos. Así, recibiron a súa distinción Sabela Martínez (atletismo), Inés Arosa (caiac polo), Carolina Santos (triatlón), Candela Baúlo (ximnasia rítmica), Sofía Martínez (fútbol sala), Anxo Filgueira (lanzamento de martillo), Cristian Fernández (acuatlón), Diego Piñeiro (piragüismo), Manuel Expósito (pickleball) e Alejandro López (ciclismo). Con respecto aos equipos, todos aqueles que se proclamaron campións esta tempada nas súas respectivas categorías dos clubs Kick Boxing Poio, Saraiba Ximnasia Rítmica, Poio Pescamar FS, Atlético Combarro e Fútbol Base Poio.
A xornada deste domingo rematou coa música en directo do grupo Azabache na Praza do Mosteiro e a degustación de rosca e viño entre os asistentes.
SEIS DÍAS DE FESTA
O Concello de Poio programou seis días de festa para ofrecer un San Xoán participativo e con propostas atractivas e de calidade para todos os públicos. Ata o venres 27, os actos litúrxicos mesturaranse con programación cultural, propostas para toda a familia e as actuacións dalgunhas das mellores orquestras galegas para amenizar as veladas nocturnas: París de Noia, Os Satélites, La Ocaband, Capitol, Marbella, Ritmo Joven e Miramar.
Mañá, luns, as alboradas da Escola de Música Tradicional e Vides Novas percorrerán as rúas do municipio desde as 10.00 horas. Xa pola tarde, coa AC Ronsel, realizarase a tradicional recollida de herbas de San Xoán acompañadas polas pandereteiras da agrupación. Será ás 18.00 horas con saída desde o Local Social do Sartal. Xa pola noite, celebrarase a tradicional sardiñada na Seca, con máis de 300 kg de peixe para degustar, seguida da verbena coa orquestra local Ritmo Joven, o espectáculo de lume e o prendido da tradicional fogueira de San Xoán.
A programación completa pódese consultar na web e nas redes sociais do Concello de Poio.