Rocío Cochón subliña xunto ao capitán Manuel Martínez “o enorme potencial da actividade náutica para atraer turismo sustentable, de calidade, que dinamiza a economía e nos proxecta ao mundo ao redor dun eixo da nosa identidade: o mar”.
O porto deportivo de Combarro rexistrou en 2025 o maior volume de tránsitos da súa historia: un total de 716 embarcacións de 21 países diferentes -un aumento dos atraques 19% respecto do ano anterior-, repetindo como porto deportivo máis transitado da provincia, e reforzando o liderado de Poio no turismo náutico.
Un balance “máis que satisfactorio” que confirma o papel crecente do turismo náutico “como un dos piares da nosa estratexia turística”, indicou a concelleira de Turismo de Poio, Rocío Cochón, que analizou os datos anuais xunto ao capitán do porto, Manuel Martínez.
Segundo os datos recollidos polo persoal da Marina, a maioría das embarcacións foron de bandeira española (59%), aínda que destaca de novo a importante presenza internacional, encabezada polos barcos de bandeira irlandesa (20%), que experimentaron un forte crecemento tras a celebración do IX encontro anual do Irish Cruising Club o pasado xullo. Tamén foi significativo o número de embarcacións das francesas (8%), portuguesas (6%), británicas (2%) e holandesas (1%).
Ademais, ao longo do ano amarraron en Combarro embarcacións procedentes de países como Alemaña, Bélxica, Suíza, Austria, Noruega, Finlandia, Suecia, Australia, Canadá e Estados Unidos, incorporándose tamén novas procedencias pouco habituais ata o de agora, como Hong Kong, Illas Caimán e Israel, o que reflicte a crecente proxección internacional de Poio como destino para a náutica de recreo.
No que respecta ao tipo de embarcacións, o 70% dos tránsitos corresponderon a barcos de vela, fronte a un 30% de embarcacións a motor, unha proporción semellante á rexistrada en 2025.
As instalacións rexistraron actividade de forma case continua, grazas ás súas condicións e localización, protexido como abrigo natural na ría de Pontevedra, que permiten practicar as actividades náuticas durante case todo o ano. Ademais, nos meses de xullo e agosto, o porto acadou a ocupación plena. Nese sentido, Cochón, subliñou que os datos “reforzan as oportunidades que ofrece o turismo náutico para Poio, non só para a internacionalización do destino, senón tamén para a desestacionalización”.
“Hoxe, a 6 de febreiro están cubertos 290 dos 334 amarres. Que mellor mostra da capacidade para a desestacionalización?”, remarcou.
Por último, Cochón recalcou o enorme potencial da actividade náutica para “atraer turismo sustentable, de calidade, que dinamiza a economía e nos proxecta ao mundo ao redor dun eixo da nosa identidade: o mar”.
Estes datos e o resto de informacións sobre o sector debateranse na próxima reunión da Mesa do Turismo local, que se celebrará o 20 de febreiro.