O pleno adxudicará este martes as obras para transformar o treito inicial da PO-308 na Barca

25/08/2025

Establecerase un plan de tráfico provisional para garantir o equilibrio entre a execución das obras e o mantemento da conectividade urbana, velando pola seguridade, a fluidez do tráfico e a convivencia veciñal durante a duración do proxecto.

O pleno do Concello de Poio aprobará este martes a adxudicación das obras da primeira fase da reurbanización da PO-308, no treito que vai entre A Barca e o Casal de Ferreirós, unha actuación que vai permitir transformar unha das entradas principais ao municipio.

A proposta da mesa de contratación é adxudicar as obras á empresa COVSA, ao obter a máxima puntuación das oito ofertas presentadas ao concurso. O importe da adxudicación é de 1,6M€ e o prazo de execución de doce meses. As obras comezarán a executarse a partir do paso de La Vuelta por Poio, que será o próximo martes día 9 de setembro coincidindo coa etapa 16 da proba.

Esta é a primeira fase do proxecto de humanización da PO-308, que inclúe traballos entre a Ponte da Barca e o punto quilométrico 0+480, no Casal de Ferreirós, a través dun convenio asinado entre o Concello de Poio e a Xunta de Galicia.

Os traballos terán como principais obxectivos recuperar o espazo público para as persoas, dando prioridade ao peón sobre o tráfico motorizado, favorecer a economía e o comercio local e crear espazos seguros e accesibles. Así, as actuacións inclúen a ampliación das beirarrúas cun ancho mínimo de 2,5 metros, inclusión de elementos de mellora da accesibilidade, mellora de todos os servizos e instalacións urbanas, elementos de acougado de tráfico, zonas novas asistenciais con mobiliario urbano, mellora na infraestrutura asociada ao transporte público, estreitamente e simplificación dos carrís de circulación e prazas para persoas con mobilidade reducida.

Ademais, o Concello de Poio establecerá un plan de tráfico provisional para garantir o equilibrio entre a execución das obras e o mantemento da conectividade urbana, para velar pola seguridade, a fluidez do tráfico e a convivencia veciñal durante a duración do proxecto.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio