O plan estratéxico de subvencións 2024-2026 asegurará un reparto transparente, obxectivo e eficiente dos fondos públicos

14/02/2024

  • Ángel Moldes e os concelleiros de Festexos e Cultura, Fran da Silva e Natalia Sabarís, reuníronse con representantes dos colectivos para explicar as novidades das axudas para fomentar a organización de eventos lúdicos. Estableceranse dúas liñas de axudas, unha para actividades lúdicas e unha segunda destinada especificamente para apoiar a realización de magostos.

O Concello de Poio aprobará este mes o novo plan estratéxico de subvencións para o período 2024-2026, que pretende establecer as liñas para axudar e facilitar todas as iniciativas, actividades e programas que desenvolven os diferentes colectivos e entidades locais, no eido da cultura, do deporte, educación, igualdade, servizos sociais ou medio ambiente, e asegurar un reparto transparente, obxectivo e eficiente na concesión e xestión destes fondos. Segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, o orzamento municipal deste ano incrementa en case un 8% a partida destinada a apoiar todo o tecido asociativo de Poio, nunha clara aposta para poñer en valor e garantir a actividade que estes colectivos organizan ao longo de todo o ano e que repercute, de xeito directo, nunha mellora da calidade de vida e benestar da veciñanza.

Para explicar as principais novidades no eido das axudas destinadas para a promoción e o desenvolvemento das actividades lúdicas, o alcalde Ángel Moldes, acompañado polos edís de Festexos, Fran da Silva, e de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, así como do técnico municipal, reuniuse onte pola noite con representantes de diferentes colectivos. Así, indicaron que estas axudas repartiranse por concorrencia competitiva, polo que calquera asociación, colectivo ou entidade que queira organizar unha actividade e aspire a recibir algunha axuda do Concello de Poio, deberá presentar un proxecto conforme ás bases e valorarase cuns criterios obxectivos e exactamente iguais para todos.

Nesta liña, explicaron que están rematando a redacción das bases de subvencións para actividades lúdicas, que deberán aprobarse en pleno, e avanzaron que estableceranse dúas liñas de axudas, unha para actividades lúdicas, na que se inclúen certames, encontros, festivais musicais, festas patronais e parroquiais, gastronómicas ou calquera outro tipo de eventos, e unha segunda liña destinada especificamente para apoiar a realización de magostos que polo seu arraigo se levan a cabo nas diferentes parroquias.

Ángel Moldes explicou que con estas novidades preténdese garantir maior igualdade e transparencia, e tamén asegurar un maior control na eficiencia e eficacia do gasto público e dar resposta, ademais, aos informes emitidos desde o departamento de intervención nos últimos anos nos que se chamaba a atención sobre a necesidade de corrixir as subvencións en especies, isto é, os gastos que o concello aprobaba como propios pero que se ocasionaban nas actividades organizadas por colectivos e que incluían desde alugueiro de carpas, ata vallas, actuacións, son, iluminación ou dotación doutros materiais de diversos tipos.

O Concello de Poio destinará este ano 64.100 euros para a promoción e o desenvolvemento das actividades lúdicas. A través da liña 1 repartiranse 58.100 euros, subvencionando un máximo do 60% do custo do evento, e para os magostos reservaranse 6.000 euros, subvencionando como máximo 600€ por cada un.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio