O obradoiro de emprego “Poio verde e sostible” xa traballa na recuperación dos xardíns históricos do Pazo Besada

20/10/2026

Os 20 alumnos-traballadores participan na rehabilitación dun espazo verde, que inclúe a recuperación de camiños, mellora da accesibilidade e restauración de elementos singulares do recinto, respectando o seu valor patrimonial. O alcalde Ángel Moldes comprobou o avance dos traballos, que permitirán recuperar os camiños, mellorar a accesibilidade e poñer en valor os elementos singulares do recinto.

O alumnado do obradoiro dual de emprego “Poio verde e sostible” xa está traballando nos xardíns do Pazo Besada. A intervención permitirá mellorar o estado de conservación e recuperación deste espazo histórico, acondicionar os accesos e recuperar diferentes elementos do xardín para favorecer o seu uso e disfrute por parte da veciñanza.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, acompañado polos concelleiros de Obras e Servizos, Marcial García, e de Medio Ambiente, Manuel Domínguez, comprobou o avance dos traballos nos que participan os 20 alumnos-traballadores deste programa, que desde o pasado mes de xullo reciben formación e adquiren experiencia profesional na especialidade de actividades auxiliares de conservación e mellora de montes.

Moldes destaca que “estamos dando pasos importantes para recuperar un espazo emblemático de Poio, respectando o seu valor histórico e ambiental, pero tamén adaptándoo para que os veciños poidan disfrutalo nas mellores condicións”.

Neste sentido, subliña que a intervención permitirá conservar a identidade dos xardíns do Pazo Besada, recuperar elementos que forman parte da súa historia e mellorar as condicións de accesibilidade e seguridade. “Queremos que este espazo recupere todo o seu atractivo e se consolide como unha zona verde de referencia para a veciñanza”.

O alcalde pon tamén en valor que “a recuperación destes xardíns está permitindo que 20 persoas se formen nun oficio, adquiran experiencia profesional e melloren as súas oportunidades de acceso ao mercado laboral”.

A actuación, que conta con todas as autorizacións sectoriais requiridas por Patrimonio, contempla a recuperación dos camiños orixinais dos xardíns, a mellora dos accesos aos edificios e o acondicionamento das zonas de paseo, respectando en todo momento a protección integral establecida polo PXOM do Concello de Poio.

Entre as principais intervencións previstas destaca a recuperación dos sendeiros mediante xabre granítico estabilizado, a mellora das pendentes e a instalación de pavimentos de granito nos accesos. Tamén se actuará sobre a vexetación existente, con podas de conservación e formación, especialmente nas camelias, e coa incorporación de especies adaptadas ás condicións de sombra do recinto, preservando o arborado de maior valor.

O proxecto permitirá tamén recuperar o sendeiro interior e as escaleiras da zona de bambú, acondicionar a contorna da fonte e restaurar o estanque dos xardíns baixos. Ademais, mellorarase a rede de drenaxe para evitar acumulacións de auga e renovarase a iluminación e o mobiliario urbano, coa instalación de bancos e novos puntos de luz que contribuirán a facer deste espazo un lugar máis cómodo, accesible e seguro.

A iniciativa conta cun financiamento de 501.552 euros da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia para sufragar os custos deste programa de formación e emprego.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio