O NOVO GOBERNO VALORA “O NADAL CON MÁIS ÉXITO E MAIOR PARTICIPACIÓN” DA HISTORIA DE POIO

14/01/2024

2024.

O Goberno local destaca o éxito do Nadal de Poio, unha proposta innovadora que conseguiu cifras récord de participación. “Cumpríronse os obxectivos, conseguimos recuperar en Poio a ilusión polas festas, unha ilusión que se perdeu nos últimos anos, e fixémolo cunha proposta de calidade, cunha programación destinada para toda a veciñanza e que se estendeu en todo o municipio pero, o máis importante, fixémolo contando con todos os colectivos e entidades locais do noso municipio”, sinala o alcalde Ángel Moldes. Por iso, asegura que “este Nadal foi o de maior éxito e que contou con maior participación da historia de Poio”.

Moldes recorda que xa na inauguración do Nadal rexistráronse cifras récord de participación, superando as previsións máis optimistas, un éxito de público que tamén se repetiu en cada unha das actividades e propostas incluídas no programa de Nadal e que se consolidou este sábado co éxito da cabalgata de despedida dos Reis Magos e a festa fin de Nadal na carpa Poio Máxico.

“Estamos moi satisfeitos, ilusionados e agradecidos pola grande resposta que recibiu a proposta de Nadal do Goberno local, e son moitas as mensaxes que estamos recibindo destacando que, por primeira vez, o Nadal de Poio estivo á altura do que reclaman os seus veciños”, sinala Moldes. Nesta liña, recoñece que desde o primeiro momento tiñan claro que o obxectivo era recuperar a ilusión por estas festas, que levaban moitos anos pasando desapercibidas neste concello, e querían facelo contando cos veciños. “Queríamos involucrar a todos, porque ese é espírito do Nadal, e conseguimos encher de contido todas as parroquias, converter cada Aldea de Nadal e a carpa Poio Máxico en puntos de encontro para familias, amigos e veciños durante todos estes días”, engade.

Unha participación que estivo moi presente en toda a proposta de Nadal do Goberno local, desde a creación das Aldeas de Nadal, feitas e decoradas por empresas locais, e pintadas pola rapazada nos colexios de Poio, ata a propia programación das festas, que contou con máis de 50 propostas nas que se incluíron actuacións de agrupacións e entidades locais, a carpa Poio Máxico ou a cabalgata de despedida, coa participación de anpas, batukas e comparsas. “Apostamos por un contido diferente e o éxito residiu en que conseguimos que fose un Nadal de todos e para todos”.

Nesta liña, agradece a colaboración desinteresada de todas as persoas, veciños, colectivos e empresas, desde cada unha das anpas e colexios de Poio, as comparsas, batukadas, voluntarios, membros de Protección Civil, Policía Local, traballadores do concello, servizo de limpeza… Pero tamén de empresas que colaboraron co Nadal de Poio, como por exemplo Froiz, San Marcos, Abanca, Autos Sercar, Grupo Rofer, Asociación de Vehículos Clásicos AVA e JSD.SL.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio