O NOVO GOBERNO APOSTA POR UN ENTROIDO RENOVADO QUE XA RECIBIU O APOIO UNÁNIME DE COMPARSAS, ASOCIACIÓNS E COLECTIVOS LOCAIS

12/01/2024

2023.

O entroido 2024 celebrarase a principios de febreiro, practicamente un mes tras a celebración do Nadal, e por iso o alcalde, Ángel Moldes, reuniu xa a todas as comparsas, asociacións veciñais e agrupacións para presentarlle os cambios que o novo Goberno quere introducir para ofrecer un “entroido renovado” co que aspiran a aumentar a calidade e as propostas lúdicas, así como atraer un maior número de participantes e de público. “A organización, traballo e ensaios destas comparsas require moito tempo, teñen por diante meses de moito traballo, e por iso desde o Goberno queríamos trasladarlle canto antes os nosos plans, tanto para contar coa súa opinión, como para que tivesen claras as datas e as propostas que imos ofrecer para que poidan organizarse da mellor forma posible”, explica Moldes.

Un entroido renovado que, indica, ten en conta as demandas e peticións das agrupacións e dos veciños, e que aposta por manter o desfile en Campelo, pero cun percorrido máis reducido, e facelo en horario de mañá. Pero tamén inclúe unha nova proposta para a programación: unha festa de entroido na Seca.

Con respecto ao desfile, farase o domingo 11 de febreiro en horario de mañá. “Xa se comprobou que nin aumentando o número nin a cantidade dos premios se logrou atraer novos participantes”, indica Moldes, e por iso sinala que esta é unha nova proposta para evitar coincidir con outros entroidos da comarca e concellos limítrofes e intentar atraer máis participantes e máis público.
Ademais do horario, tamén cambia o percorrido, que nesta edición farase entre a Escola de Música e a Praza da Granxa. “As queixas repetíanse no último ano, o desfile era excesivamente longo e non gustaba nin aos participantes nin ao público”, recorda o alcalde. Aos participantes, porque o percorrido era moi longo, sen público en case a metade do traxecto e requiría un grande esforzo físico para comparsas que veñen con materiais e accesorios máis pesados. E ao público, porque a espera en ocasións facíase eterna.

E, por último, engadiu que a última novidade que implantará nesta edición o novo Goberno é unha festa de Entroido o venres 23 na Seca, con música, un desfile pequeno e premios para os mellores disfraces.
Na reunión, que se celebrou onte pola noite na Casa do Concello, ademais do alcalde, participaron os concelleiros de Cultura e Festexos, Natalia Sabarís e Fran da Silva, e  representantes da Asociación Cultural As Sonecas, da comparsa Os Canecos, da asociación cultural Os 100Tolos, do grupo entroido de Samieira, da asociación cultural e veciñal Ronsel como organizadora do galo Fodorico, así como da asociación de veciños e da comisión de festas de Campelo. Todas amosaron o seu apoio unánime a todas as novidades introducidas polo novo goberno.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio