O novo contrato da auga inclúe máis de 15M€ para investimentos históricos en Poio cos que garantir servizos básicos

16/02/2025

Permitirá ofrecer solucións e dotar de saneamento e abastecemento de auga a núcleos importantes de poboación que carecen destas redes, como Fragamoreira ou Vilariño, ou A Caeira, onde están moi obsoletas.

O novo contrato de auga do Concello de Poio inclúe investimentos históricos para ampliar a rede de saneamento e abastecemento de auga en lugares que a día de hoxe continúan carecendo destes servizos básicos ou cuxas redes están moi obsoletas. Así, destinará 15,4M€ para mellorar estes servizos en varios lugares do municipio, dándolle desde o Goberno local prioridade ás zonas de Vilariño e Fragamoreira, dous núcleos importantes de poboación que carecen de saneamento e abastecemento de auga, así como á zona da Caeira, onde as roturas son constantes debido ao mal estado da rede.

Segundo o cronograma que se inclúe, estes investimentos realizaranse ao longo dos catro anos iniciais do contrato. Así, no primeiro ano investirase 4,6M€ para dotar de servizos a Vilariño-Fragamoreira, nas rúas San Antoniño, Río Miño e Illa de Ons. No segundo ano, o investimento superará o 3,4M€, para mellorar as redes na Bouza (Samieira), na rúa Illa de Tambo, nos camiños Lubiáns, travesías 2ª e 3ª de Lubiáns, Fogueteira e Campo Loncras, na marxe esquerda da PO-308 entre Covelo e Combarro; no camiño de Bocas e avenida de Colón ou rede de pluviais en rúa Coruxa e camiño Real do Casal.

No ano tres, destinaranse 2,3M€ para mellora do camiño Os Mouchos, da Cachada, travesía de Lubiáns, camiño Monte do Cura, na marxe dereita da PO-308, entre Chancelas e Raxó, na PO-308 entre o cemiterio e o Remo e a avenida da Praia. Por último, no cuarto ano, o investimento a realizar ascende a 1,3M€, entre as que están enlace da Escusa e Río Mouro co saneamento existente, rede de saneamento na Escusa, en río Mouro e Río Mouro pequeno.

Todas estas son actuacións de obrigado cumprimento no novo contrato e, a maiores, entre as melloras incluirase tamén o novo depósito ETAP e conexión no Sartal, cun orzamento de 3,8M€.

“Co novo contrato de auga, non só regularizamos unha situación que resultaba insostible e precaria desde hai xa moito tempo, senón que tamén estamos ofrecendo solucións e dando resposta a carencias históricas en zonas rurais con gran poboación que, a día de hoxe, continúan sen ter conexión de saneamento e abastecemento de auga ás súas vivendas”, destaca o alcalde, Ángel Moldes. Neste senso, di que para este Goberno o contrato da auga “é unha absoluta prioridade” e por iso “desde o minuto un comezamos en traballar para solucionar carencias e problemas na rede de servizos básicos en diferentes lugares do municipio”.

O estudo que se vai aprobar no próximo pleno municipal trata de analizar a viabilidade de xestión indirecta do servizo de abastecemento de auga potable e rede de sumidoiros, a través dun contrato de concesión de servizos. A través do documento, descríbense as instalacións de abastecemento e rede de sumidoiros de Poio, destacando aqueles aspectos máis característicos do servizo, identificando o esquema de funcionamento hidráulico do servizo de abastecemento de auga potable, as fontes de subministro, o tratamento, o sistema de almacenamento e de bombeo. E poñendo tamén o foco naqueles problemas que hai actualmente na rede de saneamento e abastecemento e aos que é prioritario ofrecer unha solución.

Una vez aprobado en pleno este estudo de viabilidade, abrirase un prazo de exposición pública, redactarase unha estrutura de custes e aprobarase unha ordenanza non fiscal e, no caso de que non haxa ningunha reclamación, aprobarase de xeito definitiva para sacar a licitación o contrato da auga do Concello de Poio.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio