O evento, organizado pola Coral de Poio en colaboración co Concello, conta tamén coa participación das agrupacións de Soutomaior e Lestonnac-Coro de Cela.
O Mosteiro de San Xoán acolle este sábado, día 21 de xuño, o tradicional Certame de Corais de Poio. Esta cita cultural, organizada pola Coral de Poio e coa colaboración do Concello, alcanza xa a súa vixésimo sexta edición, consolidándose xa como unha das citas imprescindibles ás portas da celebración do San Xoán.
O evento comezará ás 20.30 horas, con entrada de balde. Nesta edición, a Coral de Poio compartirá escenario con dúas formacións convidadas de gran prestixio: coa Coral de Soutomaior e co Lestonnac-Coro de Cela.
Desde a organización destacan que o certame pretende non só fomentar o interese pola música coral, senón tamén crear un espazo de encontro cultural entre distintas formacións culturais nun espazo excepcional como o Mosteiro de Poio, cunha acústica privilexiada e unha contorna monumental de gran valor.
A Coral de Poio e a concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, convidan a toda a veciñanza e visitantes a achegarse e disfrutar desta experiencia musical.