O mércores ábrese a inscrición para “Teatreirxs”, o campamento teatral de Poio sobre Castelao para nenos e nenas

06/06/2025

A actividade está dirixida a rapazada de entre 7 e 12 anos e desenvolverase do 23 ao 27 de xuño, coincidindo co remate do curso escolar. A obra final será “Os vellos non deben de namorarse”, como homenaxe a Castelao.

Tras o éxito de “Poio Sesións” no pasado ano, iniciativa centrada na creación musical para a mocidade, o Concello de Poio presenta este verán unha nova proposta cultural dirixida á rapazada de entre 7 e 12 anos: “Teatreirxs”, un campamento teatral que terá lugar do 23 ao 27 de xuño, coincidindo co remate do curso escolar.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, presentaron esta mañá esta actividade, acompañados de Cora Velasco e Sandra Ansín, da compañía Leucoíña Pasea. “Teatreirxs” nace co obxectivo de achegar o mundo do teatro ás nenas e nenos participantes desde unha perspectiva integral, que vai máis aló da interpretación. O teatro é moito máis que actuar: é crear, xogar, improvisar, imaxinar e expresar e, por iso, as crianzas terán a oportunidade de crear a súa propia compañía teatral, asumindo diferentes roles, tanto artísticos como técnicos.

O campamento desenvolverase en horario de 9:30 a 13:30 horas. As inscricións abriranse o mércores 11 de xuño, ata completar as 15 prazas dispoñibles. É unha actividade gratuíta, e para participar, será necesario enviar un correo a teatreirospoio@gmail.com, indicando o nome e apelidos do neno ou nena, idade, persoa responsable e teléfono de contacto.

Con “Teatreirxs”, o Concello de Poio reafirma o seu compromiso coa cultura, a lingua galega e a educación artística da infancia, ofrecendo espazos de creación colectiva e crecemento en igualdade. Así, si o ano pasado a aposta era apoiar o talento musical da mocidade, nesta ocasión queren espertar o gusto pola interpretación e o teatro en todos os seus eidos.

A actividade conta cunha subvención da Deputación de Pontevedra, a través das iniciativas para dinamizar a lingua galega e será desenvolta pola compañía Leucoíña Pasea, en colaboración co Concello de Poio. Un dos principais obxectivos é empregar o teatro como ferramenta de comunicación, socialización e expresión en galego, traballando desde unha metodoloxía participativa, próxima e inclusiva.

Ademais, coincidindo coa celebración do Ano Castelao, a obra escollida para representar será “Os vellos non deben de namorarse”, unha homenaxe ao autor que permitirá á rapazada coñecer un dos grandes textos do teatro galego.

O campamento desenvolverase en cinco sesións: a primeira incluirá dinámicas de presentación, xogos de expresión corporal e exploración creativa. Tamén se introducirán conceptos básicos sobre a estrutura dunha compañía teatral. Na segunda sesión, traballarase sobre o guión, dividindo funcións en escenografía, vestiario e maquillaxe. A terceira xornada centrarase nos ensaios e na creación do material escénico. O cuarto día realizaranse ensaios xerais, probas de vestiario e maquillaxe, e prepararase o cartaz promocional. E, finalmente, a quinta sesión culminará coa representación aberta ao público da obra.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio