O luns 15 comezan as obras de humanización da Barca

10/09/2025

Ángel Moldes presidiu esta mañá unha reunión de coordinación con representantes da Xunta, do Concello de Pontevedra, da Garda Civil, Policía Local, empresas locais e da obra adxudicataria para coordinar un plan de tráfico consensuado que minimice as molestias ocasionadas polas obras. Durante as tres primeiras semanas os traballos iniciaranse na zona do Casal de Ferreirós e non afectarán á circulación.

O vindeiro luns 15 de setembro darán comezo as obras de urbanización e humanización da PO-308, no treito comprendido entre A Barca e o Casal de Ferreirós. Esta actuación está recollida nun convenio asinado entre o Concello de Poio e a Xunta de Galicia, cun investimento total de 1,6 millóns de euros e un prazo estimado de execución de 12 meses.

O alcalde, Ángel Moldes, presidiu esta mañá no Pazo Besada unha reunión para coordinar e consensuar o plan de tráfico que funcionará durante a execución das obras, na que participaron representantes da Xunta de Galicia, do Concello de Pontevedra, da Garda Civil, da Policía Local, da empresa adxudicataria e empresas locais.

Durante as primeiras tres semanas, os traballos centraranse na zona do Casal de Ferreirós, sen afectar á circulación. Será a partir dese momento, a principios de outubro, cando se comece a aplicar o plan de tráfico alternativo coincidindo co inicio das obras na avenida da Barca. Manterase aberto un carril con sentido único de circulación, desde Poio dirección a Pontevedra. Pola contra, para os vehículos que precisen saír de Pontevedra desde a Ponte da Barca, habilitaranse itinerarios alternativos: poderán desprazarse pola Caeira ou polo nó dos Bombeiros, subindo polo polígono do Bao, bordeando toda a parte superior de Poio para saír pola zona da antiga Coca-Cola, na avenida Antelo Mariño e a rotonda onde está situada a panadaría Acuña.

Ademais, tamén convocaron á reunión ás empresas locais que teñen un alto tránsito de vehículos de mercancías, que desde a estrada de Vilagarcía desviaranse polo polígono do Bao, evitando así a zona da Barca.

O Concello destaca que este plan é un documento vivo, susceptible de adaptación segundo evolucionen os traballos ou cambien as necesidades. O obxectivo é compatibilizar a execución da obra coa seguridade viaria, a fluidez do tráfico e a convivencia veciñal, procurando sempre minimizar as molestias para a cidadanía e os milleiros de usuarios diarios desta vía.

Durante todo o proceso, contarase cunha sinalización clara en todos os accesos, informando dos itinerarios alternativos habilitados.

Esta é a primeira fase do proxecto de humanización da PO-308, que ten como finalidade recuperar o espazo público para as persoas, dándolle prioridade ao tránsito peonil sobre o motorizado, e favorecer o comercio local, a accesibilidade e a seguridade viaria. As actuacións previstas inclúen a ampliación de beirarrúas (mínimo 2,5 metros), instalación de elementos de calmado de tráfico, mellora de servizos urbanos, mobiliario público, novas zonas asistenciais, infraestruturas para transporte público e praza de aparcamento para persoas con mobilidade reducida.

Desde o Concello de Poio agradecen de antemán a colaboración da veciñanza e piden desculpas polas molestias que poidan ocasionar as obras, lembrando que se trata dunha actuación longamente demandada que mellorará a calidade de vida e a mobilidade do conxunto da poboación.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio