O legado coloniano e a cultura mariñeira terán un protagonismo especial coa participación da Casa-Museo de Colón na Rede REMA

03/02/2024

O legado coloniano e a cultura mariñeira de Poio terán unha proxección e un protagonismo especiais neste 2024 grazas á participación da Casa-Museo de Colón na Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA) e o impulso que busca darlle o novo equipo de goberno de Poio.

Confirmouno a concelleira de Turismo, Rocío Cochón, despois de participar en Muros na Asemblea desta Rede, que reúne 36 museos de Galicia, Asturias e o Norte de Portugal cun interese común por preservar a cultura e a historia mariñeira, acompañada pola técnica de Promoción Económica Mª José Suárez e a xerente do Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra, Laura Nieto.

Poio acudiu á asemblea en representación dos centros adheridos da Ría de Pontevedra, e participou na elección da nova directiva da Rede, xurdida dunha iniciativa dos oito GALP de Galicia, e que conta coa financiación do Fondo Europeo Marítimo de Pesca (FEMP)

Cochón subliñou que a participación nesta rede suporá un impulso á visibilidade do museo, á teoría do Colón galego e ao patrimonio coloniano de Poio: “A cultura mariñeira está no ADN de Poio, e nunha rede que poña en valor o Atlántico non podía deixar de estar a casa natal do primeiro navegante que o cruzou, o noso veciño de Portosanto”.

A edil de turismo destacou o gran potencial das instalacións da Casa Museo, que recibiron en 2023 un 25% máis de visitantes que o ano anterior, e puxo en valor o patrimonio coloniano, que inclúe o Museo de Portosanto, o Bosque de Colón, o recentemente recuperado Día de Colón e un importante patrimonio inmaterial, como “un puntal fundamental dun destino sustentable, internacional e de calidade, o do Poio único”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio