2023.
A Casa Rosada acolleu o pasado sábado, 22 de abril, a segunda edición do Torneo Súper Smash Bros, organizado pola Asociación Gaming Troop, en colaboración coa Concellería de Benestar Social e Mocidade. Ao igual que na cita do ano pasado, o evento resultou todo un éxito de participación, xa que foron máis de 70 as persoas que se achegaron ata as dependencias da Casa Rosada para presenciar a evolución da proba, na que tomaron parte preto de medio cento de mozos e mozas. Tal e como explica a edil responsable da área, a socialista Rosa Fernández, entre os competidores e competidoras figuraban rapaces e rapazas de toda Galicia, chegados desde cidades como A Coruña, Vigo ou Ferrol, así como da propia contorna da provincia de Pontevedra.
A organización repartiu 300 euros de premios en metálico entre os primeiros clasificados e clasificadas. Ademais, tamén espertou unha grande expectación o punto informativo habilitado na Casa Rosada sobre o mundo virtual, no cal os monitores e e monitoras achegaron información sobre este eido.
Cómpre lembrar que o torneo estaba dirixido a persoas maiores de 13 anos e que tamén ofrecía como aliciente o feito de que os postos, segundo foi avanzando a competición, quedaron abertos. Deste xeito, moitas persoas que se achegaron ata a Casa Rosada puideron probar o videoxogo libremente, unha vez se ían producindo as primeiras eliminacións. Con esta segunda edición, o Concello consolida unha fórmula de lecer dentro do mundo do ‘gaming’, tras ser un dos primeiros municipios da zona en apostar por este tipo de torneos virtuais.
Curso de formación de monitor de tempo de lecer
Ademais de propostas de lecer, a Concellería de Mocidade tamén segue a ofrecer formacións de todo tipo. Precisamente, xa está aberto o prazo de inscrición para poder participar no curso oficial de monitor de tempo libre, que dará comezo o vindeiro 12 de maio e que se estenderá ata o 9 de xullo. Serán 300 horas de formación en total (200 teóricas e 150 de carácter práctico), a desenvolver na Finca de Besada. O horario será os venres de 16.00 a 20.00 horas, e os sábados e domingos de 9.00 a 14.00 horas polas mañás e de 15.00 a 20.00 horas polas tardes. O prezo da inscrición é de 150 euros, ao ser un curso subvencionado de xeito parcial polo Concello.
As anotacións poderán realizarse ata o vindeiro venres 5 de maio, inclusive. As xestións poden tramitarse chamando ao 986872401 ou enviando un correo electrónico á dirección xuventude@concellopoio.org.