O grupo de teatro Lúa Chea estrea “Resart”, este venres na Casa Rosada

20/06/2024

Dirixido por Manuel Solla, trátase dunha peza propia na que un grupo bota a vista atrás imaxinando que vive nunha residencia de artistas.

A compañía de teatro afeccionado “Lúa Chea” estrea este venres “Resart”, na Casa Rosada. Unha peza propia na que o grupo bota a vista atrás imaxinando que vive nunha residencia de artistas. A estrea comezará ás 20.30 horas e a entrada será libre ata completar aforo.

O grupo Lúa Chea está formado polas 14 persoas que participan nas clases teatrais que organiza o Concello de Poio durante todo o curso. Algunhas delas forman parte da compañía desde os seus inicios, en outono de 2001. Desde entón, a agrupación foise consolidando ata converterse nunha das compañías de teatro afeccionado máis coñecidas na comarca. Dirixido por Manuel Solla, no seu currículo xa consta en escena de obras moi diferentes que teñen conseguido moi boa aceptación, como “A Triste Chegada”, “A Familia sempre unida”, “O cianuro só ou con leite”…

A expresión corporal, a improvisación, o xogo dramático e a linguaxe teatral son algúns dos aspectos nos que traballan cada semana nos seus ensaios na Casa Rosada. Ademais, unha das peculiaridades de Lúa Chea é o seu carácter interxeracional, moi difícil de conseguir e fomentar con outro tipo de actividades, e que permite consolidar fortes lazos de amizade e respecto entre mulleres e homes de diferentes idades.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio