O Goberno local xa ten ubicación para crear o parque infantil de Samieira e saldar así unha débeda histórica

16/08/2025

A parcela escollida atópase nunha situación privilexiada, na Praza Alfredo Romay Besada, xusto ao carón da coñecida ruta dos muíños. Manuel Domínguez sinala que “esta actuación reflicte o compromiso do goberno municipal coa mellora dos espazos públicos e coa creación de infraestruturas que contribúan ao benestar das familias e da infancia”.

O Concello de Poio xa dispón dunha ubicación para crear o primeiro parque infantil público en Samieira, unha infraestrutura moi demandada pola veciñanza e que permitirá saldar unha débeda histórica coas crianzas da parroquia.

A parcela escollida atópase nunha situación privilexiada: no centro de Samieira, concretamente na Praza Alfredo Romay Besada, xusto ao carón da coñecida ruta dos muíños. Trátase dun terreo colindante cunha finca municipal, o que permitirá contar cun espazo amplo e accesible para desenvolver o proxecto.

Segundo explica o concelleiro da parroquia, Manuel Domínguez, o goberno local chegou a un acordo co propietario da parcela, de xeito que agora o Concello conta cun espazo idóneo para dar resposta a unha reclamación histórica da veciñanza de Samieira, así como da contorna de Arén.

Cómpre lembrar que esta demanda foi impulsada polo actual equipo de goberno xa desde a súa etapa na oposición, cando en 2016 presentaron unha moción solicitando a creación do parque infantil. Nese momento, a proposta contou co voto en contra de BNG e PSOE, o que evidenciou a súa inacción durante case tres décadas de Goberno.

«Hoxe podemos dicir con orgullo que cumprimos cun compromiso e saldamos unha débeda histórica coa infancia de Samieira», sinala Domínguez. Esta actuación reflicte o compromiso do goberno municipal coa mellora dos espazos públicos e coa creación de infraestruturas que contribúan ao benestar das familias e da infancia. “Para este Goberno era de xustiza que Samieira contase no primeiro mandato cunha área de xogos infantil, e tras dialogar cos veciños e coñecer as súas opinións, conseguimos pechar un acordo moi beneficioso coa persoa propietaria do terreo, á que lle agradecemos a súa disposición”. Unha vez conseguidos os terreos, o concelleiro explica que o seguinte paso é redactar o proxecto e buscar financiamento para que sexa unha realidade o antes posible.

Nesta liña, subliña que o novo parque infantil será un punto de encontro seguro e atractivo para os nenos e nenas da parroquia, nun espazo céntrico que ofrecerá cobertura a toda a veciñanza de Samieira e zonas próximas como Arén.

Por último, Domínguez recorda que este parque infantil en Samieira sumarase a un ambicioso plan de mellora, remodelación e creación de áreas de infantís en todo o municipio. Este plan inclúe a mellora dos parques infantís de Anafáns, Combarro, Chancelas e A Seca, nos que xa se actuou nos últimos meses; así como as remodelacións integrais dos parques de Ánkar e de Lourido; e a creación dunha área multideporte nova en Vilariño. “Temos moi presente a importancia de impulsar servizos e infraestruturas que melloren a calidade de vida das familias, convertendo Poio nun lugar moderno, atractivo e con oportunidades”, concluíu.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio