O Goberno local recorta a débeda cos bancos en 1,2M€ máis e consegue rebaixala nun 40 % desde 2023

17/10/2025

Ángel Moldes destaca que esta medida enmárcase nunha estratexia de rigor orzamentario e boa xestión económica que o Goberno local vén aplicando desde a súa chegada ao concello sen recortar servizos públicos nin renunciar a investimentos clave para o municipio: “Estes dous anos evidencian que se pode gobernar doutra forma: con máis responsabilidade, máis eficiencia e máis compromiso coa veciñanza”.

O Goberno local levará ao pleno ordinario deste mes a aprobación dunha operación de amortización anticipada da débeda municipal por importe de 1,2 millóns de euros.

Con esta operación, un dos préstamos vixentes verá reducido o seu saldo pendente de 1,5 millóns de euros a só 315.000 euros. Esta medida enmárcase, segundo explica o alcalde Ángel Moldes, nunha estratexia de rigor orzamentario e boa xestión económica que o Goberno local vén aplicando desde a súa chegada ao concello no ano 2023.

Desde entón, recorda que xa conseguiron reducir a débeda cos bancos nun 40%, rebaixándoa de 8M€ a 4,8M€. Ademais, hai que engadir tamén o abono de máis de 1,6M€ en facturas pendentes de pago herdadas do anterior mandato e sen consignación no orzamento municipal. E todo isto, sinala, sen recortar servizos públicos nin renunciar a investimentos clave para o municipio.

“Estes dous anos evidencian que se pode gobernar doutra forma: con máis responsabilidade, máis eficiencia e máis compromiso coa veciñanza”, destaca Moldes. Nesta liña, destaca “a gran xestión económica que estamos realizando. Os números demostran esta realidade: Unha xestión económica que permitiu pagar as facturas herdadas, reducir de xeito importante unha das débedas máis altas de toda a provincia e dar resposta a reclamacións históricas”.

O Concello de Poio utilizará así parte do superávit xerado na liquidación do exercicio económico de 2024, que revelaba unha situación económica moi positiva para as arcas municipais, cunha capacidade de financiamento de 2,3 millóns de euros e un remanente de tesourería de 2 millóns de euros. Non obstante, ante a imposibilidade de empregar este superávit para inversións financeiramente sostibles, debido ás restricións impostas polo Goberno central, o executivo local opta por destinar estes fondos a seguir reducindo a débeda do concello cos bancos.

Esta nova amortización anticipada suporá un alivio significativo para as arcas públicas a medio e longo prazo. Ademais de reducir a débeda, permitirá un aforro adicional de 100.000 euros para o Concello, grazas ao adianto da amortización e á redución dos intereses financeiros. Isto mellorará a marxe de actuación económica en vindeiros exercicios. “Frente ao descontrol orzamentario que herdamos, puxemos orde, cancelamos débedas e demostramos que se poden facer as cousas ben sen recortar servizos. Estamos cumprindo co que prometemos: gobernar mellor, con seriedade, con responsabilidade e pensando na veciñanza. Os feitos están aí”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio