Esta primeira fase do proxecto contará cun investimento de 1,7M€ para mellorar a seguridade e transformar a imaxe de entrada a Poio e o núcleo urbano de San Salvador. O proxecto licitarase na primeira metade de 2025 e a previsión é que as obras comecen a executarse ese mesmo ano.
O Goberno de Poio trasladará ao pleno deste martes o borrador do convenio coa Xunta de Galicia para humanizar e acondicionar o treito inicial da PO-308, entre A Barca e Casal de Ferreirós. Un proxecto que conta cun investimento que supera os 1,7M€, cofinanciado entre Xunta e Concello en dúas anualidades. Deste xeito, o Concello de Poio abonará 156.143,73 euros en 2025 e 364.335,37 euros en 2026. Ademais, inclúe tamén o cambio de titularidade da estrada en favor do concello.
O proxecto contempla a reordenación e optimización do espazo público da vía, coa delimitación clara do uso e funcións das distintas zonas: renovación do firme da calzada, pavimentación de beirarrúas, aparcamentos e calzada cos carrís proxectados. Humanizarase o espazo con zonas axardinadas e mobiliario urbano potenciando así os desprazamentos a pé, transformando a imaxe dunha das entradas principais de Poio e do núcleo urbano de San Salvador cunha visión moito máis amigable. Ademais, reservaranse zonas de carga e descarga e prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida. Inclúe tamén a reposición de servizos básicos de saneamento, abastecemento e pluviais, sinalizacións horizontais e verticais e canalizacións subterráneas para telefonía e electricidade que substitúan os actuais tendidos aéreos.
A PO-308 presenta un desgaste significativo, tanto do firme e da beirarrúa como das redes de servizos municipais. Por iso é unha das prioridades do Goberno local, que recorda que é unha estrada que soporta diariamente unha alta densidade de vehículos, con máis de 17.000 vehículos diarios, sendo unha das entradas a Poio, a unha das parroquias con maior poboación e que conta con numerosos negocios.
Esta é a primeira fase dun proxecto que continuará ata Casa Solla e que supera, en conxunto, os 4,8M€ polo que debido á súa magnitude divídese en varias actuacións. A humanización entre A Barca e o Casal de Ferreirós licitarase na primeira metade de 2025 e a previsión é que as obras comecen a executarse ese mesmo ano.