Ángel Moldes: “traballamos cada día para que Poio sexa un concello de todos e para todos: participativo, transparente, plural, orgulloso da súa identidade e comprometido co futuro”.
O Concello de Poio celebrou esta mañá o Día de Galicia cun acto institucional na Praza de Arís, onde se rendeu homenaxe ás pandereteiras de Vides Novas e do Ronsel, en recoñecemento á súa valiosa contribución á preservación e difusión da cultura galega.
O alcalde, Ángel Moldes, destacou o papel fundamental destas mulleres que, a través das súas cantigas, manteñen viva a tradición, a lingua e a identidade galegas xeración tras xeración. “Trátase dun recoñecemento que iniciamos o ano pasado e que veñen para quedarse, porque é de xustiza distinguir e premiar a quen leva décadas contribuíndo, co seu talento e compromiso, á promoción da nosa cultura”, asegurou.
Durante o acto, Moldes subliñou que o 25 de xullo “é un día para poñer en valor o sentimento galego, un sentimento integrador, que nos une a todos e a todas sen exclusións. O orgullo de ser galego non pertence a ninguén, é de todos os galegos e galegas”. Neste sentido, insistiu en que o Concello de Poio aposta por celebrar este día cun acto institucional aberto e participativo, para celebrar todo o que une, sen divisións, apostando pola integración de todas e todos os veciños: “traballamos cada día para que Poio sexa un concello de todos e para todos: participativo, transparente, plural, orgulloso da súa identidade e comprometido co futuro”.
Con respecto á elección da Praza de Arís para acoller os actos institucionais do 25 de xullo, defendeu que para o Goberno é moi importante descentralizar os eventos e dar protagonismo a todos os barrios: “O ano pasado estivemos no Pereiro, o anterior en Liñares, e o vindeiro ano continuaremos esta itinerancia. Porque todos sumamos, todos xuntos facemos avanzar Poio”.
As pandereteiras de Vides Novas e Ronsel e as súas cantigas foron protagonistas desta mañá nunha praza ateigada de veciños, colectivos e visitantes, na que o Concello de Poio fixo entrega tamén da bandeira galega aos dez colectivos que se inscribiron no rexistro municipal de asociacións no último ano, entre as que se inclúen AC Virxe de Fátima, Club Reserpon-Suinpo, Club Sporting Campelo, Asociación Benéfica Veciños Divino Salvador de Poio, Ceiterio Veciñal de Combarro, ANPA Vita Alegre do CEIP Espedregada, Asociación Empresarial EnPoio, Club Deportivo grupo 7 a 9, AVCR Vilariño e Asociación Comisión de Festexos de Combarro. “Unha cifra moi importante que evidencia o dinamismo social do que podemos presumir en Poio e que fortalece un tecido asociativo plural e moi activo, que é un orgullo para toda a veciñanza”.
ÚLTIMO ACTO EN COMBARRO CO GRUPO CANTIGAS E AGARIMOS
A programación elaborada polo Concello de Poio para conmemorar o Día de Galicia péchase mañá, sábado 26, en Combarro coa actuación do grupo de música e baile tradicional Cantigas e Agarimos. Será na Praza da Chousa, ás 21.30 horas, dentro do ciclo DANZA3 da Axencia Galega das Industrias Culturais.
Esta agrupación folclórica, fundada en Santiago de Compostela en 1921, é unha das máis antigas de Galicia. Sempre estivo dedicada á recuperación, conservación e transmisión da cultura tradicional galega, traballando activamente na consolidación da identidade cultural de Galicia. Na actualidade, está composta por máis de 80 membros, distribuídos nas seccións de coro, baile, pandeireta e instrumental. Coa súa actuación, Cantigas e Agarimos busca achegar ao público toda a bagaxe das tradicións que configuran o sentir do pobo galego, articulando un espectáculo de calidade no que tenta trasladar no tempo ao espectador, levándoo nunha viaxe imaxinaria polas nosas raizames.