O futuro parque empresarial de Fragamoreira avanza cun novo paso na tramitación dos terreos

07/05/2026

O Concello de Poio valora moi positivamente o novo paso dado pola Xunta de Galicia para facer realidade o parque empresarial de Fragamoreira coa licitación do contrato de servizos para a redacción da documentación necesaria para a expropiación dos terreos nos que se desenvolverá este polígono industrial.

Trátase dunha boa nova para Poio e para toda a veciñanza, xa que supón un avance decisivo para impulsar unha actuación estratéxica chamada a converterse nun motor económico fundamental para o municipio e para toda a comarca de Pontevedra.

O futuro parque empresarial contará cunha superficie de máis de 373.000 metros cadrados e permitirá responder á elevada demanda de solo empresarial existente na zona, favorecendo a implantación de novas empresas, a creación de emprego e a xeración de novas oportunidades de crecemento económico.

Con esta nova licitación, o Goberno galego avanza no seu compromiso de acelerar a execución dun proxecto prioritario para Poio. Este trámite permitirá continuar coa planificación necesaria para que nos próximos meses poidan iniciarse os traballos de adaptación dos terreos en Fragamoreira.

O polígono industrial estará situado nun enclave estratéxico, moi próximo á cidade de Pontevedra e con conexións directas ao porto de Marín, á autoestrada AP-9, a Vilagarcía e á comarca do Salnés, favorecendo así a competitividade empresarial e a capacidade loxística do territorio.

Así mesmo, o parque empresarial contará con todos os servizos e infraestruturas necesarias para a actividade empresarial, incluíndo rede eléctrica de media e baixa tensión, abastecemento, urbanización das parcelas e restantes dotacións básicas.

Desde o Concello destacan que este avance supón un exemplo do traballo coordinado entre administracións para transformar compromisos en feitos e seguir construíndo un Poio con máis oportunidades de futuro.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio