Milleiros de persoas participaron nun Nadal marcado pola ilusión, a convivencia e a participación en todas as parroquias do municipio. Ángel Moldes destaca que este Nadal consolida a Poio como un dos destinos destacados destas festas en Galicia, un posto privilexiado acadado en apenas tres anos.
O Concello de Poio fai unha valoración extraordinaria do Nadal, que deixa atrás días máxicos, con rúas cheas de ilusión en todo o municipio, espectáculos de gran calidade gratuítos e para toda a familia e unha ampla participación veciñal que reafirman o éxito dun modelo que aposta pola emoción, a convivencia e a ilusión de pequenos e maiores.
O alcalde, Ángel Moldes, recoñece que dar un cambio de rumbo ao Nadal era unha aposta persoal, e amosa o seu orgullo porque “Poio pasou de ser un concello no que a súa veciñanza se desprazaba a outras localidades para vivir o Nadal a converterse nun espazo central e protagonista destas festas, tanto para os propios veciños do municipio como para persoas chegadas doutras localidades da provincia e mesmo de toda Galicia”.
Por iso, celebra un Nadal que consolida a Poio “como un dos destinos destacados destas festas en Galicia, un posto privilexiado acadado en apenas tres anos, e reafirma o compromiso do Concello de seguir apostando por unha programación que xera ilusión, dinamiza a economía local”.
As Aldeas de Nadal e a carpa Poio Máxico convertéronse en auténticos puntos de encontro interxeracional, onde conviviron nenos, mozos e maiores, favorecendo a participación, a convivencia e o diversión do Nadal. Nas últimas semanas, milleiros de persoas pasaron por Poio atraídas polas súas decoracións nas sete Aldeas de Nadal situadas nos lugares máis emblemáticos de todo o municipio ou polas actividades ofrecidas na carpa Poio Máxico, así como polo ambiente nas rúas e por unha programación diversa, de calidade, inclusiva e pensada para todas as idades.
O alcalde subliña tamén a importante participación das agrupacións e entidades locais, que tiveron un papel protagonista na programación, xunto con propostas infantís de primeiro nivel que tamén contribuíron a atraer visitantes doutros concellos e, polo tanto, dinamizar todo o tecido socieconómico do municipio.
“O Nadal en Poio disfrútase, báilase e vívese”, destaca Moldes, que recoñece que son moitos os negocios locais que por primeira vez mantiveron abertos os seus establecementos durante o mes de decembro conscientes do impulso que o Nadal en Poio ten tamén para a economía e desestacionalización do municipio. Con respecto a Combarro, puxo en valor a colaboración da Asociación Cultural Leucoíña na organización do Mercado de Nadal, da TardeNova e TardeVella, con cifras históricas de visitantes que obrigaron a colgar o cartel de completo en establecementos hostaleiros.
Por último, amosa o seu agradecemento a todo o equipo de persoas que fixeron posible o éxito dunha programación que arrancou a finais de novembro e, desde entón, foi un éxito continuado de participación. Salientou que a implicación de todo o Goberno, en especial da concellería de Cultura e Educación, e a axuda de todos os servizos municipais involucrados, foi fundamental para que as actividades fosen un éxito.
Agradece ademais a colaboración desinteresada de todas as persoas, veciños, colectivos e empresas, desde cada unha das anpas e colexios de Poio, as comparsas, batukadas, voluntarios, membros de Protección Civil… A todos os veciños e veciñas que decoraron as súas casas e rúas do municipio en Chancelas, Combarro, As Laxes, San Salvador, Campelo… así coo ás empresas que colaboraron co Nadal de Poio, como por exemplo Froiz, San Marcos, Bon Pollo, Abanca, Autos Sercar, Asociación de Vehículos Clásicos AVA.