Comezará ás 18.00 horas, con entrada gratuíta ata completar aforo. Xunto con Pedro Volta e o espectáculo de Cantajuego, son unha das actuacións máis potentes que inclúe o Nadal en Poio, con preto de 60 propostas ata o 6 de xaneiro.
O espectáculo infantil de Juan D e Beatriz, presentadores de Clan TV, chega este sábado a Poio. Será a primeira gran proposta do Concello de Poio para un Nadal que aposta por ofrecer contido de calidade para o público familiar, e que ofrece preto de 60 actividades e actuacións ata o 6 de xaneiro.
Será na carpa instalada na Reiboa, a partir das 18.00 horas, e con entrada gratuíta ata completar o aforo dispoñible. “Unha oportunidade para que disfruten todas as familias, máis tendo en conta que son espectáculos de moitísima calidade e moi potentes que están percorrendo as principais cidades do país”, subliña a concelleira de Cultura, Natalia Sabarís.
“1,2,3 Adivina Lo Que Es navideño” é un espectáculo para cantar e bailar, que inclúe unha selección do seus hits máis coñecido. Unha aventura chea de diversión e sorpresas que levarán ao público pola máxica Cidade Arcoris e tamén ao Cohete Musical xunto aos Lunnis. Un éxito rotundo en cada unha das cidades que visitan.
“Queremos converter a Poio nun referente no Nadal, nun referente por contar cunha proposta de calidade, con espazos cheos de contido para disfrutar as familias”, engade a concelleira, que recorda que tamén en Poio durante estas festas veciños e visitantes poderán disfrutar do ilusionismo de Pedro Volta e dos Cantajuego e o seu espectáculo “Tallarín, un mundo mágico”.
O mago Pedro Volta, que participou en programas televisivos como Got Talent, presentará o seu espectáculo de maxia o día de Nadal, o mércores 25 de decembro (18.00h). A súa habilidade para comunicar e presentar os seus actos cun enfoque innovador e creativo, deixa á audiencia marabillada, persuadida de que a maxia verdadeira pode existir. Destaca non só pola súa destreza técnica, senón tamén pola súa capacidade para evocar emocións profundas. O seu espectáculo, imbuído nun aire futurista e conceptual, inspírase en películas e series de ciencia ficción, explorando temas como a conquista do espacio e a física cuántica.
E xa o xoves, 2 de xaneiro, Cantajuego presenta “Tallarín, un mundo máxico” (18.00 horas). O paiaso Tallarín está preparando a súa xira mundial cos seus alumnos máis avantaxados, xa graduados. Para tan importante tarefa, ensaian concienzudamente moitos trucos, acrobacias e idiomas, para que as súas próximas actuacións sexan un completo éxito. Un espectáculo cheo de alegría, maxia, música, baile e moita diversión.