O ESPECTÁCULO DE MAXIA DO MAGO MARCO ATRAE A UN GRAN NÚMERO DE FAMILIAS E CRIANZAS AO C.C. XAIME ILLA

12/01/2024

2023.

O Centro Cultural Xaime Illa de Raxó viviu este xoves unha gran xornada de humor e maxia, grazas ao espectáculo ofrecido polo Mago Marco. Unha iniciativa que, tal e como lembra a concelleira de Cultura, a nacionalista Raquel Rodríguez, forma parte do programa Ler Conta Moito, impulsado en colaboración coa Xunta de Galicia e que inclúe iniciativas para fomentar a lectura e a paixón pola literatura entre a rapazada. O auditorio rexistrou unha gran entrada, cunha asistencia na que non faltaron familias e crianzas de todas as idades, que non perderon detalle da actuación do ilusionista. O seu espectáculo caracterízase por combinar o humor e a interacción co público desde o primeiro momento.

A programación lúdica continuará o vindeiro xoves, 4 de maio, con ‘Levántate Xan!’, unha sesión de contacontos a cargo de Caxoto e pensada para crianzas de 0 a 3 anos. A cita dará comezo ás 17.30 horas e será no Casal de Ferreirós, en San Salvador. Ambas actividades mudaron o seu emprazamento por mor das obras de acondicionamento e de mellora da accesibilidade que se están a levar a cabo na Biblioteca Municipal, en Campelo (San Xoán). A actuación avanza a bo ritmo e inclúe a instalación dun elevador no inmoble, así a dotación dunha rampla desde a vía pública e novos aseos adaptados para persoas con problemas de mobilidade reducida, garantindo así a accesibilidade universal a unhas dependencias que, ademais de acoller a biblioteca na plana superior, tamén é utilizada pola Escola de Música de Poio e pola Escola de Acordeóns de Campelo. Estes traballos contan cun orzamento que rolda os 72.000 euros aproximadamente.

Se ben foi preciso trasladar o espectáculo de maxia ao Xaime Illa, desde a Concellería de Cultura lémbrase á cidadanía que o servizo de empréstamo de libros e de material audiovisual da Biblioteca continúa operativo, cun horario de atención ao público de 16.30 a 19.30 horas. Con respecto á continuación de Ler Conta Moito, o programa retomarase unha vez pasado o verán. Será o 15 de setembro, xa na Biblioteca de Campelo, onde se celebre un ‘Scape Room’ dirixido a nenos e nenas de idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos. Por último, o día 22 dese mesmo mes chegarán os Contos e cantos que coidan da terra, a cargo do Bardo Abelardo. Todas as actividades son con entrada libre.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio