O Entroido de Poio xa ten calendario: O Desfile de Campelo, a Pasarela na Seca e o enterro do Galo Fodorico protagonistas da festa

15/01/2026

O calendario foi consensuado con representantes das comparsas e grupos locais, que xa confirmaron a súa participación nas tres citas. As inscricións para participar no Desfile abriranse a próxima semana, con preto de 5.000 euros en premios. Hai que engadir os enterros organizados en colaboración con asociacións locais en Combarro, Lourido e Samieira.

O Entroido de Poio xa está en marcha. O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, mantiveron nas últimas semanas diferentes encontros con representantes das comparsas e dos colectivos locais para consensuar o calendario das celebracións, que xa conta coa confirmación de participación nas principais citas.

O programa inclúe tres datas centrais: o Desfile de Disfraces de Campelo, que se celebrará o domingo 15 de febreiro pola mañá; a Pasarela de Comparsas da Seca, o venres 27 de febreiro; e o tradicional Enterro do Galo Fodorico, previsto para o sábado 28 de febreiro. A estas celebracións súmanse outros enterros organizados en colaboración con asociacións locais: o Enterro do Mexillón de Combarro, o 18 de febreiro; o Enterro do Berberecho de Lourido, o 1 de marzo; e o Enterro do Galo Bruxo de Samieira, o 14 de marzo.

O Desfile de Disfraces de Campelo terá lugar entre a Biblioteca Municipal e a Praza da Granxa e dará comezo ás 12.00 horas. O Concello volve apostar polo horario de mañá, unha fórmula que nos últimos dous anos acadou un notable éxito de participación, con comparsas e persoas chegadas de distintos puntos da provincia que rematarán a xornada cunha festa con entrega de premios, música e moita animación.

Nesta edición repartiranse 4.820 euros en premios. O prazo de inscrición abrirase a próxima semana, unha vez publicadas as bases no Boletín Oficial da Provincia, e permanecerá aberto ata o venres 6 de febreiro.
As inscricións de grupos deberán realizarse a través da sede electrónica do Concello de Poio. As persoas que participen de maneira individual ou en parella poderán inscribirse tamén no rexistro xeral do Concello, de luns a venres entre as 8.30 e as 14.00 horas, ou, exclusivamente nestas dúas categorías, o mesmo día do desfile, entre as 9.30 e as 11.00 horas, nas inmediacións da Biblioteca Municipal.

Xunto coa solicitude será necesario achegar copia do DNI da persoa participante e, no caso de menores, tamén do seu titor ou titora legal. As asociacións deberán presentar ademais o CIF da entidade e o DNI da persoa representante.

O concurso contempla as categorías individual, parella e grupo, tanto en modalidade infantil (ata 14 anos) como adulta (desde os 15 anos). Os grupos deberán contar cun mínimo de tres participantes, manter unha unidade temática e poderán ir acompañados de carroza ou plataforma móbil. Ademais, haberá distincións especiais de choqueiro e animación, compatibles co resto de premios.

Pola súa banda, a Pasarela de Comparsas reunirá o 27 de febreiro na Seca a agrupacións de toda a provincia, que amosarán os seus disfraces e coreografías nunha xornada chea de música, animación e entrega de mencións especiais. Trátase da terceira edición desta Pasarela, que xa se consolida como unha das principais citas para gozar dos deseños, as postas en escena e o gran ambiente xerado por estas agrupacións.

O programa culminará o sábado 28 de febreiro co Enterro do Galo Fodorico, na Praza do Mosteiro, seguido da tradicional Festa Choqueira, con chocolate quente e actuación musical.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio