O Entroido de Poio: desfile matinal o domingo 11 e festa con pasarela de comparsas o venres 23

18/01/2024

Poio repartirá 4.450 euros en premios no desfile de Entroido que, este ano, celebrarase o domingo 11 pola mañá entre a Biblioteca Municipal e a Praza da Granxa, en Campelo. Esta é unha das principais novidades do Entroido que este ano programa o Concello de Poio, unha renovación coa que se pretende aumentar a calidade da celebración e as propostas lúdicas, atraendo maior número de participantes e de público.

Así, ademais de celebrar o desfile de Entroido en horario de mañá e cun percorrido máis curto, tamén se inclúe unha festa o venres 23 na Seca. Desde as 17.00 horas haberá animación e actividades para o público familiar, e desde as 21.00 horas organizarase unha pasarela do Entroido, na que se entregarán mencións especiais para as comparsas, para rematar a xornada con música.

A Concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, recorda que estas novidades xa recibiron o apoio unánime dos colectivos que participan no Entroido de Poio, nun encontro que se celebrou xa no mes de outubro e no que se explicaron os cambios principais deste ano. A maiores destas citas, tamén se incluirán os enterros e outras actividades organizados en colaboración cos diferentes colectivos locais e que se irán concretando nos próximos días.

Sabarís sinala que son cambios importantes na programación de Entroido, que buscan non só mellorar as propostas e as actividades que se organizan desde o concello, senón tamén intentar atraer ao maior número de participantes e de público posible. Neste senso, subliña que outros anos xa se demostrou que aumentar a cantidade e o número de premios non consegue atraer novos participantes, senón que o importante é evitar coincidir no calendario cos entroidos dos concellos da comarca.

Con respecto ao desfile do Entroido, sairá o domingo 11 ás 12.00 horas desde a Biblioteca Municipal. Todas as persoas que participen deberán estar neste lugar unha hora antes da saída. A chegada será na Praza da Granxa, onde se fará entrega dos premios ao remate do desfile. Este ano, desde o Concello de Poio apostouse por reducir o traxecto, atendendo así ás queixas dos concursantes e do público que se queixaban de que nos últimos anos era excesivamente longo.

As categorías nas que se pode concursar no desfile de Entroido son individual, parella ou grupo, tanto en infantil (ata 14 anos) como adultos (desde os 15 anos). No caso dos grupos, terán como mínimo tres participantes que deberán gardar unha unidade temática; poderán ir acompañados de carroza ou plataforma móbil. 

Con respecto aos premios establecidos para o concurso, na categoría de adultos, o 1º premio do disfrace individual será de 170€, 120€ para o segundo e 75€ para o terceiro. En parellas, o primeiro posto recibirá 210€, 160€ o segundo e 120€ o terceiro. Por grupos, os gañadores terán un premio de 500€, 400€ para os segundos clasificados, 300€ para os terceiros e 200€ para os cuartos.

En categoría infantil, o primeiro premio individual son 120€, 105€ para o segundo e 70 o terceiro. En parellas, os gañadores recibirán 160€, os segundos clasificados 120€ e os terceiros, 75€. Con respecto aos grupos, o primeiro premio son 250€, o segundo 205€ e o terceiro 160€. Ademais, haberá premios especiais choqueiro e animación compatibles co resto de premios, e que repartirán nos dous casos 200€ para o primeiro clasificado, 155€ para o segundo e 110€ para o terceiro.

O prazo para anotarse abrirase desde o 1 ao 6 de febreiro, ambos inclusive. Os grupos deberanse inscribir a través da sede electrónica do concello, mentres que no caso da inscrición individual ou en parellas pódese facer tamén no rexistro xeral do Concello de Poio, entre as 8:30 e as 14:30 horas ou, só nestas dúas categorías, facer a inscrición o mesmo día do desfile, entre as 9.30 e as 11.00 horas nas inmediacións da Biblioteca Municipal. Xunto coa solicitude de inscrición deberase acompañar a seguinte documentación: copia do DNI do/da participarte no desfile e do/da seu titor/a ou representante legal, no caso de menores de idade.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio