Maritxe González sinala que “trátase dunha cifra histórica que evidencia a consolidación económica do municipio, pero tamén a eficacia das políticas de emprego, formación e dinamización impulsadas polo Goberno local”.
Os datos de emprego correspondentes ao mes de xullo confirman a evolución moi positiva do mercado laboral en Poio. Actualmente, o número de persoas en situación de desemprego diminuíu a 664, o que supón unha caída da taxa de paro ao 8,15% sobre unha poboación de preto de 18.000 habitantes. Unha porcentaxe moi afastada do 10,4% do conxunto do país e tamén por debaixo da galega, que se sitúa no 8,34%.
Este dato reflicte unha mellora moi importante respecto aos anos anteriores, xa que desde o ano 2022 reduciuse en 234 o número de persoas paradas, o que supón máis de dous puntos na taxa de paro rexistrado.
Segundo indica a concelleira de Promoción Económica, Maritxe González, “trátase dunha cifra histórica que evidencia a consolidación económica do municipio, pero tamén a eficacia das políticas de emprego, formación e dinamización impulsadas polo Goberno local”. Refírese, por exemplo, á ampla oferta de cursos de formación cuns índices moi altos de inserción laboral así como de competencias dixitais para mellorar a empregabilidade do alumnado, ou ao lanzamento e consolidación do portal de intermediación laboral Emprego en Poio ou, incluso, á organización de eventos e outras iniciativas que enchen de vida as rúas durante todo o ano e contribúen, de xeito directo, a dinamizar o tecido económico local.
“A evolución favorable do mercado laboral amosa que imos polo bo camiño e motívanos a seguir traballando para que cada vez máis veciñas e veciños teñan acceso a un emprego digno, estable e acorde coas súas capacidades e intereses”, destaca.
Neste senso, afirma que neste momento Poio está vivindo un momento de reactivación económica e de atractivo crecente para o sector empresarial. “Estamos a percibir un interese cada vez maior por parte de empresas privadas que valoran a estabilidade institucional, a axilidade administrativa e a planificación estratéxica que se está a impulsar desde este Goberno para implantar as súas empresas no noso municipio e, deste xeito, contribuír á creación de emprego e ao noso crecemento. Todo isto confirma que estamos a avanzar na dirección correcta, consolidando a imaxe de Poio como un lugar de oportunidades”, conclúe.