Nas próximas semanas darase a coñecer a programación completa, que pretende encher as rúas de Combarro de cor, historia e animación medieval. Será a undécima edición da festa, organizada polas asociacións Combrus, Leucoíña e Vides Novas en colaboración co Concello de Poio.
A undécima edición do Día de Colón celebrarase o venres 9 e sábado 10 de maio. Desde as asociacións Combrus, Leucoíña e Vides Novas, en colaboración co Concello de Poio, xa están traballando na organización do evento, que aspira a repetir o éxito da última edición e encher as rúas de Combarro de cor, historia e tradición medievais.
Unha vez confirmadas as datas, os artesáns que queiran participar no mercado xa poden enviar as súas propostas ao enderezo electrónico asociacioncombrus@hotmail.com. Tamén nas semanas próximas abriranse as inscricións para que as persoas que queiran organizar as súas comidas nas rúas de Combarro reserven o seu sitio.
O Día de Colón ofrece durante dous días unha extensa programación lúdica e festiva para toda a familia: desde mercado artesanal, animación nas rúas durante todo o día, teatro e bailes medievais, concertos, tiro con arco e esgrima antiga, xusta medieval… Unha programación ampla e atractiva que conta coa implicación de colectivos locais e da propia veciñanza, xa que tanto os establecementos comerciais como os propios veciños contribúen coa decoración das súas casas e negocios para a ocasión.