Os artesáns que desexen participar no mercado xa poden enviar as súas propostas ao enderezo electrónico asociacioncombrus@hotmail.com. Será a duodécima edición da festa, organizada polas asociacións Combrus, Leucoíña e Vides Novas e o Concello de Poio.
A duodécima edición do Día de Colón xa ten data: celebrarase o venres 8 e sábado 9 de maio en Combarro. Será unha fin de semana única na que a historia cobrará vida a través dunha proposta que permitirá aos asistentes viaxar no tempo.
As asociacións Combrus, Leucoíña e Vides Novas, en colaboración co Concello de Poio, xa están traballando na organización dun evento que aspira a repetir o éxito das últimas edicións e encher as rúas de Combarro de cor, historia e tradición medievais.
Unha vez confirmadas as datas, os artesáns que desexen participar no mercado xa poden enviar as súas propostas ao enderezo electrónico asociacioncombrus@hotmail.com. Do mesmo xeito, nas vindeiras semanas abrirase o prazo de inscrición para que as persoas que queiran organizar as súas comidas nas rúas de Combarro reserven o seu espazo.
Rúas engalanadas e un marcado ambiente medieval servirán de escenario para render homenaxe a Cristóbal Colón durante dous días de festa en Combarro, nos que non só se defenderá a procedencia galega do navegante, senón que tamén se apostará por unha programación variada, atractiva e de calidade, pensada para toda a familia e orientada á dinamización socioeconómica do municipio. Durante estas dúas xornadas, os visitantes poderán disfrutar do mercado artesanal, animación nas rúas durante todo o día, teatro e bailes medievais, concertos, tiro con arco e esgrima antiga, xusta medieval, xogos tradicionais, entre outras propostas. Un programa amplo e atractivo que conta coa implicación de colectivos locais e da propia veciñanza, xa que tanto os establecementos comerciais como os propios veciños contribúen coa decoración das súas casas e negocios para a ocasión.