A aprobación definitiva da ordenanza reguladora de abastecemento e sumidoiros supón un paso máis para que o concello conte cun contrato de auga novo que inclúe 15M€ en investimentos en todo o municipio. Adxudicada a operación de crédito que permitirá remodelar o parque en Costa Xiráldez, crear novos aseos públicos en Cabeceira e humanizar a estrada de Campelo, entre outros.
O pleno ordinario celebrado este luns en Poio deixou importantes avances para o futuro do municipio. A sesión aprobou acordos clave que evidencian a sólida e eficaz xestión do Goberno local, centrada na mellora dos servizos, a planificación responsable e o impulso de investimentos estratéxicos. Entre os acordos adoptados, destaca a aprobación definitiva da nova ordenanza da prestación do servizo de abastecemento e sumidoiros, a adxudicación dunha operación de crédito como alternativa ao uso do superávit para financiar investimentos estratéxicos e a aprobación dos festivos locais para 2026.
Uns festivos locais que en 2026 recaerán no 17 de agosto, Día da Galicia Mártir, e 24 de setembro, Día da Merced. Unha proposta do Goberno local que foi apoiada por unanimidade, logo de que a Xunta de Galicia incluíse o 24 de xuño, San Xoán, como día festivo no calendario autonómico.
O alcalde, Ángel Moldes, explicou que desde hai anos existe un acordo unánime de todos os grupos políticos para incluír o Día da Galicia Mártir como alternativa de festivo local cando os habituais (o 24 de xuño ou 24 de setembro), coincidisen en domingo ou co calendario autonómico e, polo tanto, manifestou a vontade do Goberno de dar continuidade a esa tradición e a ese consenso.
Foi durante o pleno ordinario de xullo, que se celebrou onte, e no que tamén se aprobou definitivamente a ordenanza reguladora de abastecemento e sumidoiros, que supón un paso máis para que o concello conte cun contrato de auga novo que inclúe 15M€ en investimentos en todo o municipio. O alcalde recordou que por primeira vez o contrato da auga conta con informes favorables de todos os servizos técnicos en todo o procedemento, tamén no caso das alegacións. Neste senso, lamentou que os únicos que presentaron emendas foron os dous grupos da oposición, “porque o seu obxectivo non é outro que intentar atrasar os 15M€ en investimentos”. Con todo, asegurou que, as alegacións construtivas se incorporan, como por exemplo introducir un sistema de prorrateo da cota fixa dos usuarios que causen baixa no servizo, que se engadiu ao documento inicial.
Durante a súa intervención, o alcalde lamentou as mentiras e manipulacións dos grupos da oposición: “A primeira mentira que imos demostrar é no cobro do recibo da auga e a segunda, que xa se demostra tamén no informe redactado polo secretario e a interventora, que non se cobrará polos pozos, senón por facer uso da rede de alcantarillado. E, ademais, en ningún caso se lles vai cobrar polo servizo de abastecemento posto que non fan uso del”. Un informe que, engadiu, tamén desminte que haxa un interese electoral na revisión das tarifas no terceiro ano de contrato: “queda xustificado que a motivación para realizar unha suba escalonada nos anos 1 e 3 non ten motivación electoralista, senón que se plantexa así para penalizar en menor medida o recibo do usuario e de acordo co calendario de investimentos plantexado”. Un calendario que, recordou, obriga a que os investimentos se executen nos primeiros catro anos de contrato, con prioridade para as primeiras actuacións nas zonas de Vilariño, Fragamoreira e A Caeira.
NOVA OPERACIÓN DE CRÉDITO PARA USAR O SUPERÁVIT: MÁIS INVESTIMENTOS, MENOS CUSTO
Ademais, o Goberno local aprobou tamén a adxudicación da operación financeira que permitirá destinar preto de 700.000 euros a investimentos que mellorarán a calidade de vida da veciñanza. Estes investimentos inclúense nunha operación de 900.000 euros, que inclúe a execución de actuacións clave no municipio como, por exemplo, a remodelación integral do parque Costa Xiráldez, en Lourido, a construción de baños públicos en Cabeceira ou a aportación municipal para o proxecto de humanización entre A Seara e Campelo, dentro do convenio asinado coa Deputación de Pontevedra, entre outros.
O alcalde, Ángel Moldes, volveu denunciar que o Goberno central impide aos concellos utilizar os seus remanentes de 2024 en proxectos financeiramente sostibles e, por iso, víronse na obriga de buscar unha alternativa para poder utilizar parte destes cartos. “Tomamos unha decisión responsable e beneficiosa para a veciñanza. Amortizamos un préstamo con parte dos remanentes e formalizamos unha operación pola mesma cantidade pero cuns intereses menores conseguindo un triple beneficio: damos saída aos remanentes, aforramos preto de 300.000 euros en intereses e dispoñemos de cartos para executar proxectos necesarios, prioritarios e históricos”, defendeu.
Na súa intervención, Moldes deu lectura ao informe do tesoureiro municipal que sinala que o custe de xuros para a nova operación reduciríase de 663.956,07 a 426.969,49 euros, “o cal supón un aforro de 236.986,58 euros”. Ademais, continúa o documento, “a cota de amortización anual reduciríase nun 35,69 por cento, o cal podería supor en torno aos 70.000 euros anuais”. Así pois, insistiu, “esta operación non supón aumentar a débeda municipal”.
O alcalde aproveitou para poñer en valor unha xestión económica “responsable e eficiente, que reduce débeda, baixa impostos, paga as facturas herdadas, dá resposta a demandas históricas e consegue unha liquidación positiva en 2024”. Neste punto recordou que a 31 de decembro o nivel de endebedamento de Poio era do 48,41%, moi lonxe do 60,60% de 2023 ou do 55,19% de 2022.
PLAN DE EMERXENCIAS PARA A ILLA DE TAMBO
Por último, aprobouse definitivamente o Plan de Emerxencias e autoprotección da Illa de Tambo, un plan que, segundo explicou a concelleira de Turismo, Rocío Cochón, é un plan vivo e aberto que se irá adaptando ás necesidades futuras. Neste senso, indicou que este plan non define nin autoriza usos concretos, senón que se limita a prever escenarios de risco baseados na actividade actualmente permitida, “protexendo a quen visita, investiga ou amosa ao mundo a riqueza da illa”. Ademais, recordou que o Goberno é “absolutamente coherente” con Tambo, seguimos defendendo o mesmo na oposición que no Goberno. Queremos avanzar e fuxir dos bloqueos”.