A programación inclúe tamén a Pasarela de Comparsas o venres 27 na Seca e o enterro do Galo Fodorico, o sábado 28 na Praza do Mosteiro. Os participantes individuais ou en parella poden inscribirse o mesmo día do evento na contorna da Biblioteca Municipal.
O Entroido de Poio bota a andar este domingo coa celebración do Desfile de Campelo, a primeira gran cita dunha programación ampla, participativa e chea de cor que se prolongará ata o 19 de marzo en todas as parroquias do municipio.
O desfile, que dará comezo ás 12.00 horas con saída desde a Biblioteca Municipal de Poio e remate na Praza da Granxa, contará coa participación das principais comparsas chegadas de diferentes puntos da provincia e de Galicia. Xunto ás formacións locais, Grupo de Carnaval Samieira, As Sonecas, Os Canecos e Os 100Tolos, participarán tamén Alegría de Bora, Os Miúdos, Os Retrincos, Politicamente Incorrectos e Os Paparrulos.
A maiores, sumaranse os grupos, parellas e persoas que de xeito individual participan no concurso de disfraces. A xornada culminará coa entrega de premios e animación musical a cargo de Due Eventos. En total, repartiranse 4.820 euros entre os gañadores nas categorías individual, parellas e grupos, tanto en infantil (ata 14 anos) como en adultos, ademais de mencións especiais á mellor animación e choqueiros.
As persoas que desexen participar de xeito individual ou en parella poderán formalizar a súa inscrición o mesmo día do desfile, entre as 9.30 e as 11.00 horas nas inmediacións da Biblioteca Municipal, achegando copia do DNI e, no caso de menores, tamén da persoa titora. As asociacións deberán presentar copia do CIF e do DNI da persoa representante.
As comparsas deberán estar presentes unha hora antes da saída, accedendo pola PO-308, Avenida de San Xoán, polo Casal. O punto de encontro será no inicio do percorrido, fronte á Biblioteca Municipal de Poio para distribuír os dorsais. Haberá varios aparcamentos disuasorios habilitados que estarán perfectamente identificados e sinalizados. No que respecta á climatoloxía, o Concello de Poio agardará ata a véspera do desfile para anunciar un posible aprazamento no caso de previsión de choiva.
PRETO DE 5.000 EUROS EN PREMIOS
Na categoría de adultos, os premios individuais oscilarán entre os 170 euros do primeiro clasificado e os 50 euros do cuarto. En parellas, o primeiro premio será de 210 euros, e nos grupos acadará os 500 euros para os gañadores.
En infantil, os premios individuais irán desde os 120 euros do primeiro posto ata os 70 do terceiro; en parellas, o máximo será de 160 euros; e en grupos, o primeiro premio acadará os 250 euros.
Ademais, haberá premios especiais de choqueiro e animación, compatibles co resto de categorías, con contías de ata 200 euros. O xurado, integrado por membros da comisión municipal de Educación, Cultura e Deporte, valorará aspectos como a orixinalidade, o vestiario, a posta en escena, a coreografía, a animación e a creatividade.
PROGRAMACIÓN ATA O 19 DE MARZO
O Entroido de Poio continuará o venres 27 coa terceira edición da Pasarela de Entroido na Seca, unha cita xa consolidada que reunirá doce comparsas da provincia e que rematará cunha gran festa amenizada por Dolce Vita e a entrega de mencións especiais.
O sábado 28 celebrarase o tradicional Enterro do Galo Fodorico na Praza do Mosteiro, a partir das 21.00 horas, seguido da Festa Choqueira organizada pola ACV Ronsel, con premios, chocolate quente a actuación musical do Dúo Estelar.
A programación completarase con múltiples festas, desfiles e enterros nas distintas parroquias, como o Enterro do Mexillón en Combarro (18 de febreiro), o Enterro do Berberecho en Lourido (1 de marzo), o desfile e enterro do Galo Bruxo en Samieira (14 de marzo) ou o Enterro da Galiña Vilarica en Vilariño (19 de marzo).
Unha programación variada, ampla e pensada para todas as idades, que encherá de música e animación as rúas de Poio. Por iso, desde o Concello de Poio animan á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nun Entroido que medra cada ano en participación e creatividade e que consolida a Poio como unha referencia festiva na provincia.