O curro de San Ramón prepárase para acoller esta fin de semana a tradicional Baixada das Bestas

19/08/2025

Os traballos inclúen o reforzo da protección do curro mediante a instalación dun valado de madeira en todo o perímetro, unha nova caseta de madeira, máis ampla e funcional e de balustrada no exterior do recinto para mellorar a seguridade do público nas zonas máis elevadas.

A Asociación de Gandeiros Monte Castrove, coa colaboración do Concello de Poio e grazas a unha subvención do Plan Social de Ence, está a acometer diversas melloras no curro de San Ramón co obxectivo de garantir a seguridade e o bo desenvolvemento da Baixada das Bestas, que se celebrará esta fin de semana.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, desprazouse esta mañá ata o recinto para comprobar de primeira man o avance dos traballos, que inclúen o reforzo da protección do curro mediante a instalación dun valado de madeira en todo o perímetro, incluídas as escaleiras de acceso. Ademais, estase a substituír a antiga caseta por unha nova estrutura de madeira, máis ampla e funcional, destinada a albergar os equipos de retransmisión, son e megafonía.

Tamén se está a instalar unha nova balustrada no exterior do recinto para mellorar a seguridade do público nas zonas máis elevadas, especialmente durante a celebración da Baixada das Bestas, un dos eventos máis emblemáticos e concorridos no final de verán na Escusa.

Dende o Concello e a Asociación de Gandeiros destacan a importancia de que as actuacións e proxectos se leven a cabo da man dos colectivos locais, consensuados con eles e impulsados polas súas achegas, xa que son quen mellor coñecen as necesidades reais e as prioridades da súa actividade. Neste caso concreto, a prioridade estaba clara: mellorar a confortabilidade e, sobre todo, a seguridade dos aloitadores e do público asistente a unha festa de gran interese e fonda tradición no concello.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio