Ángel Moldes e o xerente José Flores cotexaron hoxe as melloras efectuadas na sala de espera, o pintado de dependencias, así coma a impermeabilización e illamento nas consultas de Medicina e de Enfermaría deste centro de Atención Primaria no que investiron preto de 40.000 euros.
O xerente da Àrea Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, José Flores, e o alcalde do Concello de Poio, Ángel Moldes, acompañados por varios responsables asistenciais e económicos da área de saúde, supervisaron esta mañá o remate das obras de reforma das dependencias asistenciais do consultorio de Raxó.
Durante esta visita técnica, os responsables sanitarios e municipais cotexaron conxuntamente as melloras efectuadas na sala de espera, ampliación das consultas de Medicina e de Enfermería, creación da consulta de Urxencias/Polivalente, remodelación dos aseos de público, instalación de ventilación mecánica, reformas de cableado eléctrico e do alumeado, renovación de persianas e de diverso mobiliario, pintado de dependencias, así coma a impermeabilización e illamento nas consultas de Medicina e de Enfermaría deste consultorio de Atención Primaria no concello poiense, no que a Administración Sanitaria Pública galega investiu preto de 40.000 euros.
No transcurso deste encontro -que da continuidade á constante relación entre a Xunta de Galicia e as corporacións locais- os responsables da Àrea Sanitaria subliñaron ao rexedor municipal de Poio que a iniciativa de impermeabilización proposta para as consultas de Raxó da unha solución definitiva á estanqueidade deses espazos. Cómpre lembrar que este consultorio, cunha superficie de 180 metros cadrados, dispón de dúas consultas -unha de Medicina Xeral e outra de Enfermaría- sala de espera, almacén, unha sala polivalente e unha área para servizos administrativos.
A reforma do centro abordouse nunha reunión que o alcalde e o patrón maior de Raxó, Iago Tomé, mantiveron hai ano e medio co xerente da área sanitaria, na que trasladaron as necesidades e prioridades que eran necesarias solucionar para mellorar a calidade e confortabilidade da atención sanitaria en Raxó.