Conta cun informe do Areeiro no que indican que as especies recomendadas polo tipo de solo e condicións da contorna son o cerquiño, loureiro, sobreira, metrosidero ou melaleuca.
O Concello de Poio solicita autorización a Costas do Estado para repoboar a praia de Cabeceira con árbores axeitadas ao lugar. Así, remitirá o informe elaborado pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro, a petición da administración local, no que establece que, tendo en conta o tipo de solo e as condicións da contorna, as especies recomendadas para este lugar son cerquiño, loureiro, sobreira, metrosidero ou melaleuca, cun marco de plantación non inferior a 10×10 metros e empregando planta con calibre máximo 12-14.
O organismo dependente da Deputación provincial indica na súa análise que, tras facer unha valoración do terreo, as condicionantes á hora de repoboar a praia de Cabeceira son as condicións costeiras, con ventos dominantes de suroeste que precisa árbores que resistan condicións de hálito mariño e posible abrasión eólica; o chan, que nunha gran parte provén de recheo, ten textura areosa, escasa profundidade e afloramentos rochosos de pedra granítica; a cuberta vexetal herbácea, formada por especies forestais e de matogueira; a cuberta arbórea, formada por eucaliptos e piñeiros; así como as condicións do clima.
O Concello de Poio enviará unha copia deste documento a Costas para que analice o documento e autorice a rexeneración da praia da Cabeceira nuns terreos que son da súa competencia por estar situadas en dominio público.
Cabe recordar que, para garantir a seguridade na zona e tras a caída dunha árbore nesta praia, o Concello de Poio solicitou tamén ao Areeiro unha análise de todos os árbores que había neste lugar. Un informe que se remitiu tamén a Costas e, posteriormente, os técnicos deste servizo achegáronse á praia para analizar e marcar un por un, sobre plano, os exemplares que había que talar para, deste xeito, garantir a seguridade en toda a zona e evitar riscos de máis caídas.
Desde o Concello de Poio, o alcalde Ángel Moldes salienta e agradece a colaboración entre as diferentes administracións -Concello, Deputación e Costas- para ofrecer unha solución que garanta a seguridade nunha praia con moitos usuarios, non só en época estival, posto que é unha das dúas bandeiras azuis que ten Poio, senón tamén o resto do ano coas mariscadoras. Unha colaboración que, indica, se produciu desde o primeiro momento, convencidos de que o prioritario era evitar riscos que podían ser moi graves si caía unha nova árbore neste lugar, e tamén agora, coa rexeneración deste espacio.
Unha vez reciban a autorización de Costas, o Concello de Poio volverá a solicitar a colaboración da Estación Fitopatolóxica para realizar a repoboación das especies elixidas.