O CONCELLO REUNE MÁIS DE 4000 EUROS A TRAVÉS DA CAMPAÑA SOLIDARIA ‘EU SON GAIATO”

12/01/2024

2023.

O Concello de Poio vén de recadar un total de 4.341 euros , que serán destinados á ONG Mozambique Sur, co obxectivo de axudar aos preto de 150 menores que forman parte do orfanato Casa do Gaiato. Esta axuda reúnese a través da campaña solidaria ‘Eu Son Gaiat@’, impulsada de xeito transversal polas áreas de Servizos Sociais, Benestar Social, Mocidade, Igualdade, Participación Veciñal, Educación e Deportes. A iniciativa levouse a cabo a raíz do traballo de campo que desenvolveu no país africano a directora do Centro de Información á Muller (CIM) de Poio, Raquel Morales, durante un proxecto de colaboración realizado co Fondo Galego de Cooperación, ao cal o Concello leva adherido desde hai máis de dúas décadas.

Estes fondos proveñen de achegas realizadas a través do tecido educativo, asociativo e deportivo do municipio. Así o recorda Rosa Fernández (PSDeG-PSOE), responsable de Servizos Sociais, que é o departamento encargado de xestionar e trasladar os donativos a Mozambique Sur. “Para nós é un orgullo ver como a cidadanía se implicou nesta iniciativa altruísta, que axudará a mellorar a calidade de vida de moitos cativos, cativas, mozos e mozas de Mozambique que perderon aos seus familiares por mor de enfermidades e conflitos bélicos”, apunta Fernández González. Cómpre lembrar que a campaña ‘Eu Son Gaiat@’ estivo activa desde o pasado 30 de xaneiro ata esta mesma semana. Foi unha proposta que serviu para dar un xiro á conmemoración do Día Escolar da Non Violencia e da Paz. “Ata o de agora, todos os anos celebrábase esta data tan importante dun xeito máis lúdico, pero, aproveitando a experiencia de Raquel Morales en Mozambique, apostamos por este enfoque solidario”, sinalan as responsables das áreas organizadoras, que están dirixidas, ademais de por Rosa Fernández, polas nacionalistas Marga Caldas e Raquel Rodríguez e pola tenente de alcalde, Silvia Díaz (Avante Poio).

Deste xeito, habilitáronse tanto nos CEIPS como no IES os ‘Rincóns Gaiato’, con furnas nas que se podían depositar donativos, en sobres elaborados especialmente para este fin. Nos vindeiros días o departamento de Servizos Sociais procederá a transferir estes cartos á ONG Mozambique Sur. Dentro destas doazóns tamén se inclúen 500 euros achegados polo propio Concello de Poio, a través do seu Fondo de Emerxencia Social. As achegas tamén chegaron desde colectivos do tecido asociativo e do eido deportivo local. Ademais, a campaña ‘Eu son Gaiat@’ tampouco perdeu de vista o ámbito didáctico e da ensinanza. Así, leváronse a cabo outras actividades nos centros educativos, como a elaboración de traballos relacionados con temáticas sobre o país mozambiqueño. A maiores, Raquel Morales compartiu co alumnado do IES as súas vivencias nas tres semanas que permaneceu traballando en Mozambique co Fondo Galego de Cooperación.

Rosa Fernández, Raquel Rodríguez, Marga Caldas e Silvia Díaz expresan o seu agradecemento á veciñanza pola súa colaboración, así como á comunidade escolar, asociativa e deportiva de Poio pola súa colaboración e as achegas realizadas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio