O obxectivo é crear un espazo de convivencia onde os nenos e nenas poidan coñecerse, compartir experiencias e estreitar lazos antes de iniciar a nova etapa educativa na ESO.
Co obxectivo de fomentar a integración desde a diversión e estreitar lazos antes de dar o paso a unha nova etapa educativa, o Concello de Poio reuniu esta mañá na Illa de Tambo aos preto de 100 alumnos e alumnas de 6º de primaria dos cinco centros do municipio para coñecerse e compartir experiencias antes de comezar o instituto o próximo curso.
Durante a xornada, o alumnado participou en actividades e xogos na praia, realizou unha ruta de sendeirismo pola illa e fixeron unha gran busca do tesouro, sempre nunha contorna natural privilexiada e excepcional como é a Illa de Tambo. Unha xornada que pretende facilitar a transición ao instituto e promover valores como a amizade, o respecto e o compañeirismo.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, que se achegou ao Porto de Combarro para despedir ao grupo, destacou que “esta xornada de convivencia que comezamos a organizar o curso pasado está resultando un éxito, facilita que o alumnado inicie a súa nova etapa con confianza e sen medo ao cambio. Apostamos por unha educación que vaia máis alá das aulas, fomentando a convivencia e o respecto”. De feito, sinala que o alumnado estaba expectante por participar nesta segunda edición da actividade.
A actividade, que foi gratuíta tanto para os colexios como para a rapazada, foi financiada integramente polo Concello de Poio, que se fai cargo dos custes dos monitores, do transporte de cada centro escolar e do traslado en barco. Con eles, asistiron tamén as concelleiras de Mocidade, Tamara González, e de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, así como os profesores de cada centro escolar e monitores especializados en educación e tempo libre.