Recoñecen a traxectoria dunha persoa que “se implicou durante décadas, apostou pola base e foi determinante para garantir a continuidade deste club”.
O Concello de Poio rendeu este sábado unha homenaxe eterna a Antonio Castro Debén, coñecido por todos como “Chilo”, figura fundamental e histórica da SCD Poio, no marco do XVI Torneo de Fútbol 8 Juan López – Concello de Poio, nas categorías benxamín e alevín.
Durante o acto, no que participou o propio homenaxeado acompañado da súa familia, así como membros da corporación municipal e do club, descubriuse unha placa conmemorativa que perpetuará a memoria e o compromiso de Chilo coa SCD Poio e co deporte base.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, salientou que se trata dun recoñecemento “xusto e necesario a unha persoa que se implicou durante décadas, durante toda unha vida, polo club. Apostou pola base, axudou a moitas xeracións de nenas e nenos e foi determinante para garantir a continuidade da entidade”.
A coincidencia coa celebración dun torneo que reuniu a preto de 800 participantes procedentes de 48 equipos de toda a provincia “convirte este escenario no mellor marco posible para render esta homenaxe”, afirmou Moldes. “A súa entrega ao fútbol e á SCD Poio foi absoluta: investiu tempo, recursos propios e coñecementos. Toda a súa vida estivo vinculada ao club, renunciando a moitas cousas polos demais e inculcando valores deportivos fundamentais a moitas xeracións. Agora é o momento de devolverlle un pouco de todo o que el nos deu de forma totalmente desinteresada”.
Ao longo da súa traxectoria, Antonio Castro Debén asumiu responsabilidades en practicamente todos os ámbitos do club: foi xogador, adestrador, membro da directiva, presidente, delegado e mesmo realizou tarefas administrativas. “Falar da SCD Poio é, indubidablemente, falar de Chilo”, concluíu o rexedor.