O Concello reforza a limpeza viaria cun zafarrancho de beirarrúas en todo o municipio

12/03/2026

Neste momento hai dez máquinas traballando, concretamente na rúa Valiñas, Ánkar, Campelo e Raxó, e nos próximos días o operativo irase movendo por todo o concello.

O Concello de Poio inicia un zafarrancho de limpeza intensiva das beirarrúas en todo o municipio, unha actuación que se desenvolverá nos vindeiros días co obxectivo de mellorar o estado dos espazos públicos e reforzar o mantemento urbano coincidindo coa chegada da primavera.

Os traballos realizaranse mediante o uso de máquinas de limpeza con auga a presión, que permitirán retirar suciedade acumulada, manchas e restos orgánicos nas beirarrúas e zonas peonís, contribuíndo así a mellorar a imaxe dos espazos públicos e as condicións de salubridade.

Esta actuación forma parte das tarefas periódicas de conservación e limpeza viaria que impulsa o Concello e que se intensifican nesta época do ano. Ademais, tras os episodios de choivas continuadas das últimas semanas, detectouse unha maior acumulación de sucidade e restos en diferentes puntos do municipio, polo que se considera oportuno reforzar estes traballos. Con todo, indican que foi preciso agardar para priorizar previamente a recollida de restos na praia de Lourido, en colaboración coas mariscadoras, co fin de evitar danos nos bancos marisqueiros e na ameixa.

O operativo desenvolverase de maneira progresiva polas distintas parroquias, co fin de abranguer o conxunto do termo municipal. Neste momento hai dez máquinas traballando, concretamente na rúa Valiñas, Ánkar, Campelo e Raxó, e nos próximos días iranse movendo por todo o municipio.

Dende o Concello de Poio agradécese a colaboración da veciñanza e pregase que, na medida do posible, se facilite o traballo do persoal e da maquinaria durante o desenvolvemento destas tarefas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio