O CONCELLO LIQUIDA O EXERCICIO 2022 CUN INCREMENTEO DE MÁIS DO 20% CON RESPECTO Á APROBACIÓN INICIAL DO ORZAMENTO MUNICIPAL

12/01/2024

2023.

Un ano máis, a liquidación anual do Orzamento, neste caso correspondente ao exercicio de 2022, constata a boa saúde económica da que goza o Concello de Poio. Tal e como consta no informe elaborado polo departamento de Intervención, o Orzamento municipal pechouse nuns 17 millóns de euros, o que supón un incremento de máis do 20% con respecto á partida aprobada inicialmente, cifrada en algo máis de 13,4 millóns de euros. Ademais, o concelleiro de Economía e Facenda, Xulio Barreiro (BNG), salienta o aforro neto acadado durante o 2022, que a interventora municipal cifra en 834.439,49 euros, así como a porcentaxe de execución, que tamén é superior ao 97%.

A liquidación do orzamento, que será abordada este mércores na Comisión de Facenda e da que se dará conta no Pleno ordinario do mes de marzo, constata, tal e como recalca Barreiro, que “segue a consolidarse a liña de optimización de recursos pola que aposta este Goberno municipal desde hai anos”, seguindo criterios de prudencia á hora de confeccionar os orzamentos. “Sempre partimos dunhas previsións realistas e cautas en materia de ingresos e investimentos que, unha vez rematado o exercicio, amosan que seguimos a consolidar unha saúde e estabilidade económica fóra de toda dúbida”, apunta o responsable de Economía e Facenda. Barreiro Lubián incide no acerto de manter a política de conxelación de impostos, que leva vixente desde o ano 2013, “hai xa unha década”, e lembra que “mantemos unha tendencia de crecemento de poboación de xeito regular e constante desde practicamente o inicio do século XXI, o que nos levou a superar a barreira dos 17.000 habitantes. Seguimos en constante crecemento, o que redunda nos ingresos, a pesar de que os impostos non se modifican”, incide o responsable municipal do departamento económico.

Remanente de Tesourería

Por outra banda, a liquidación do Orzamento de 2022 tamén arroxa un Remanente de Tesourería próximo aos 1,9 millóns de euros. O edil de Economía e Facenda adianta que parte desta contía irá destinada a actuacións e proxectos de relevancia, xa tramitados ou en marcha, como é o caso da urbanización da parcela que permitirá a ampliación do cemiterio municipal de San Xoán, así como a achega correspondente por parte do Concello para completar a reforma integral da rúa Ramón Encinas de Raxó, que se financia nun 80% con fondos europeos xestionados pola Concellería de Promoción Económica dirixida polo socialista Gregorio Agís. Tamén se destina unha partida específica para acometer unha reforma na Casa Museo de Colón, en Portosanto, un proxecto que está pendente de contar co visto bo da Dirección Xeral de Patrimonio.

Ademais, figuran outros 200.000 euros que se reservarán para optar a novas convocatorias de obtención de fondos doutras institucións, como é o caso da segunda convocatoria do ReacPon, impulsado pola Deputación provincial de Pontevedra. Cómpre lembrar que a través desta liña o Concello foi quen de conseguir preto de 900.000 euros para acometer a recuperación integral do núcleo Portosanto – A puntada – Saíñas, que xa está completada practicamente ao 80% e que segue a avanzar a bo ritmo.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio