O Concello entregará este venres a Medalla de Ouro de Poio a Protección Civil

21/10/2025

Será no Casal de Ferreirós, ás 19.00 horas, nun acto ao que están convidados representantes de todos os colectivos locais. A concesión foi aprobada por unanimidade do pleno o pasado 30 de setembro.

O Concello de Poio entregará este venres, 24 de outubro, a Medalla de Ouro a Protección Civil. Sera nun acto institucional organizado no Casal de Ferreirós, ás 19.00 horas, ao que están convidados representantes de todos os colectivos locais.

Esta é unha das distincións máis altas recollidas no regulamento do Concello de Poio, e a súa concesión foi aprobada de xeito unánime por toda a corporación municipal o pasado 30 de setembro para expresar o recoñecemento sincero e o profundo agradecemento da veciñanza á incansable e exemplar labor da agrupación de voluntarios.

Durante ese mesmo pleno tamén se aprobou conceder a Medalla de Ouro de Poio á Garda Civil de Pontevedra, que neste caso xa lle foi entregada o pasado 12 de outubro, coincidindo coa celebración do día da súa patroa.

Desde a súa creación en 1994, Protección Civil de Poio converteuse nun piar esencial para o municipio, sendo exemplo de sacrificio, esforzo e entrega. Ao longo destes 30 anos, centos de persoas teñen formado parte da agrupación, ofrecendo o seu tempo e coñecementos de maneira totalmente altruísta.

Na actualidade conta con máis de 35 voluntarios e voluntarias, con idades comprendidas entre os 17 e os 66 anos, que están altamente formados en materia de emerxencias —desde primeiros auxilios ata a coordinación de dispositivos en grandes eventos—, converténdose nun referente non só en Poio, senón en toda Galicia.

A agrupación estivo sempre na primeira liña en momentos de emerxencia: incendios, inundacións, temporais, accidentes, apoio social ou en eventos culturais e deportivos, nos que ofrecen seguridade e tranquilidade á cidadanía. O seu labor durante acontecementos como o accidente do Prestige, a traxedia do Novo Marcos, ou a pandemia da COVID-19, é lembrado con especial respecto e admiración.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio