O CONCELLO ENCARGA UN PROXECTO PARA REORDENAR O TRÁFICO NO PASEO DAS REDEIRAS, EN COMBARRO

14/01/2024

2024.

Unha das prioridades do Goberno local de Poio é dar solución aos atascos e á falta de aparcamento en Combarro, polo que xa está traballando para executar un proxecto co que reordenar o tráfico no paseo das Redeiras e, así, aliviar un dos principais puntos negros do municipio, o cruce da PO-308 coa baixada á Praza da Chousa.

O concello xa conta cunha proposta que permite organizar toda a franxa do paseo, na zona das canteiras, habilitando o dobre sentido ata o porto náutico. Unha actuación que non só melloraría a mobilidade e daría fluidez no acceso e saída a Combarro, senón que tamén permitiría ampliar as prazas de estacionamento que hai actualmente.

Segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, “o Goberno ten claro cal é a necesidade, e para nós é prioritario establecer un plan de actuación para darlle unha solución o máis axiña posible, pois cada verán repítense atascos e problemas para estacionar que provocan moitas molestias, principalmente para os veciños deste lugar”. Por iso, o Concello de Poio conta xa cun proxecto, que ascende a 886.102,43 e que, ademais de incluír esta dobre dirección no paseo das Redeiras e ampliación dos estacionamentos, tamén contempla a renovación dos servizos de telecomunicacións, baixa tensión e alumeado. 

Este plan habilitaría dous accesos a Combarro: manteríase o actual, a baixada á Praza da Chousa, pero limitado exclusivamente para residentes e acceso aos garaxes, e todo o tráfico estacional desvíase ao Paseo das Redeiras, cunha entrada desde a baixada ao porto, un acceso que agora permite exclusivamente achegarse ata a zona de aparcamento. Nesta rúa, manteríase unha mediana, con zonas de aparcamento e axardinadas para separar os carrís de entrada e de saída, e o cambio de sentido faríase ao chegar ao Porto Deportivo. 

Co proxecto redactado, desde o Goberno local sinalan que xa están buscando financiamento entre as diferentes administracións “para poder acometer esta obra e, por fin, solucionar un dos principais problemas que hai en Combarro e mellorar a vida dos nosos veciños”.

“Esta actuación será fundamental para desviar a maior parte do tráfico para o paseo e, así, desconxestionar o acceso á Praza da Chousa e evitar que se faga un embudo en Combarro que provoca retencións en toda a PO-308 ao seu paso por Poio”, explica o alcalde. Neste senso, recorda que esta estrada autonómica, que vertebra todo o concello, vólvese intransitable cada verán practicamente desde Samieira ata A Seca, “polo que os veciños que precisan moverse dunha parroquia a outra padecen cada día grandes prexuízos e colas interminables”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio