Celébrase este venres, 5 de setembro, a partir das 18.00 horas na Seca. “Queremos que a volta ao cole sexa tan especial como o foi o verán”, afirma o alcalde, Ángel Moldes.
O Concello de Poio organiza este venres, 5 de setembro, a Festa de Volta ao Cole na Praza da Reiboa, na Seca, en colaboración co Centro Comercia A Barca. A partir das 18.00 horas, os asistentes poderán gozar da que xa se está convertendo nunha cita imprescindible e fixa no calendario escolar: a festa holi con pos de cores, na que ademais tamén se inclúen outras actividades e sorpresas, como obradoiros de manualidades, máis inchables para todas as idades e animación musical con Javi Solla.
“Unha festa á altura do alumnado de Poio para que, despois dun verán con moita diversión, a volta ao colexio sexa tamén moi especial para todos sen excepción”, sinala o alcalde, Ángel Moldes, que presentou o evento acompañado polo xerente do Centro Comercial A Barca, Ángel Vejo, as concelleiras de Educación e Benestar, Natalia Sabarís e Natividad Torres, por representantes das anpas locais e de Protección Civil de Poio, que tamén colaboran co evento.
Desde o Concello e o Centro Comercial confían en reeditar a “alta participación” que tivo esta Volta ao Cole nas dúas edicións anteriores. “Desde o principio esta actividade despertou moitísimo interese e participación entre as familias do noso municipio e, por iso, este venres confiamos en repetir esta magnífica experiencia na que todos, grandes e pequenos, disfrutaremos dunha tarde única”, sinala o alcalde.
Nesta liña, agradeceu o patrocinio do Centro Comercial para facer posible o desenvolvemento desta actividade: “Grazas ao apoio do Centro Comercial A Barca, que sempre está disposto a colaborar en iniciativas que benefician á veciñanza, podemos ofrecer un evento cheo de ilusión para comezar o curso co mellor dos ánimos”.