O CONCELLO DE POIO ULTIMA COA ADXUDICATARIA O PECHE DO ACCESO AO PORTO DE RAXÓ PARA AVANZAR NAS OBRAS DE HUMANIZACIÓN

14/01/2024

2024.

As obras de adecuación e humanización do acceso ao Porto de Raxó avanzan a bo ritmo, e o seguinte paso necesario para seguir adiantando será pechar o tráfico rodado desde mañá xoves na rúa Ramón Encinas para poder pavimentar este tramo e, posteriormente, comezar a execución da segunda fase das obras, na rúa da Praia. 

O concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, acompañado polos edís Manuel Domínguez e Fran da Silva, visitaron a zona para ultimar coa empresa adxudicataria o peche. Así, desde as 9.30 horas do xoves procederase ao corte completo do tráfico rodado, e si as previsións do tempo son boas, o corte durará aproximadamente ata finais de mes. En caso de que as condicións meteorolóxicas a partir desta fin de semana sexan desfavorables, reabriríase a circulación o venres ata que mellore o tempo. 

Os traballos que se levarán a cabo consisten en pavimentar con laxa de formigón o tramo que está en obras na rúa Ramón Encinas, antes do acceso ao Porto de Raxó. Entre mañá xoves e o sábado colocarase o armado e prepararase a rasante para, a partir do luns, iniciar o formigonado da estrada. Unha vez rematen estes traballos é necesario evitar a circulación de vehículos nos seguintes sete ou dez días para que o firme alcance a resistencia axeitada. Paralelamente, iniciarase  a execución da segunda fase da obra, na rúa da Praia.

Desde o Concello de Poio, en colaboración coa Policía Local, estanse colocando avisos en todas as vivendas e establecementos da zona e recomendando deixar os vehículos nas zonas próximas xa que o corte da rúa é total, só se permite o acceso peonil.

Marcial García recoñece “que estes cortes puntuais poden ocasionar molestias aos veciños, pero son necesarios para avanzar na execución dunha obra que vai supoñer unha importante mellora”. Ademais, recorda que ata este momento estivéronse compatibilizándose as obras co acceso dos veciños, polo que si nestes momento se toma a decisión de facer este corte durante dúas semanas aproximadamente é porque resulta “totalmente necesario e non hai posibilidade de facelo doutro xeito”.

As obras de adecuación e humanización do acceso ao porto de Raxó  pretenden humanizar este vial, con criterios máis amables para os peóns e inclúe a rede de instalación de servizos urbanos. Así, inclúe unha nova distribución do espazo viario a través da construción dunha nova plataforma única de circulación con prioridade peonil.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio