O Concello de Poio tramita a contratación de seis socorristas para a tempada de verán

22/05/2025

Este servizo prestarase nas dúas praias con bandeira azul do municipio: Cabeceira, en San Salvador, e Siorto, en Raxó.

O Concello de Poio traballa no proceso para a contratación de seis socorristas, garantindo este servizo básico nas praias de Cabeceira, en Lourido, e en Siorto, na parroquia de Raxó, durante o verán.

A Xunta de Goberno local aprobou esta semana o expediente de contratación, a través de sistema de oposición e destinado a persoas en situación de desemprego que estean incluídos na sondaxe realizada polo Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles para o emprego na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes, en base á oferta de emprego realizada polo Concello.

Serán seis as contratacións temporais, cunha duración de 3 meses e con xornada completa. O servizo entrará en vigor a principios do mes de xullo tanto en Cabeceira como Siorto, as dúas praias de Poio que revalidaron este ano o distintivo de calidade Bandeira Azul.

Entre as funcións dos socorristas inclúense supervisar as zonas de baño, velar polo cumprimento das normas e usar os protocolos de actuacións establecidos para casos de accidentes ou ante situacións de emerxencia.

Os aspirantes deberán presentar a documentación esixida no prazo sinalado na carta de presentación emitida polo Servizo Público de Emprego de Galicia, que inclúe DNI, fotocopia da tarxeta de demandante de emprego, carné de conducir B, título de socorrista acuático e documentación acreditativa da inscrición no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia, entre outros documentos.

As persoas candidatas deberán realizar un cuestionario, de carácter obrigatorio e eliminatorio, sobre as funcións propios do posto de socorrista.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio