O Concello de Poio repartiu en 2025 preto de 300.000 euros en axudas para colectivos locais

25/02/2026

O pleno aprobou a liquidación do orzamento do ano pasado, que supera os 22 millóns de euros, confirma a baixada da débeda municipal ata o 42% e mantén o remanente de tesourería positivo. A sesión comezou coa lectura da Declaración Institucional do Concello de Poio polo 8M, unha declaración consensuada entre os tres grupos da corporación que reafirma o seu compromiso coa igualdade real e efectiva entre mulleres e homes en todos os ámbitos da vida municipal.

O Concello de Poio repartiu ao longo de 2025 preto de 300.000 euros en subvencións dirixidas ao tecido asociativo do municipio, destinadas á organización de actividades culturais e lúdicas, á promoción do deporte, á igualdade, educación, aos servizos sociais e ao coidado do medio ambiente.

Así se deu a coñecer no pleno celebrado onte, no que o alcalde, Ángel Moldes, informou da execución do Plan Estratéxico de Subvencións correspondente ao último ano. Segundo recolle o informe elaborado pola Intervención municipal, 88.500 euros foron concedidos por concorrencia competitiva a un total de 47 colectivos. A maiores, o Concello tramitou 107 axudas nominativas destinadas a iniciativas vinculadas coa promoción do deporte, a educación, os servizos sociais, o medio ambiente, a cultura e os festexos. O obxectivo destas achegas, explicou Moldes, é apoiar ao conxunto do tecido asociativo de Poio, nunha aposta clara por poñer en valor e garantir a actividade que desenvolven no municipio ao longo de todo o ano. “Poio conta cun tecido asociativo moi activo, tanto polo número de colectivos como por toda a actividade que desenvolven, un labor que repercute de maneira directa na mellora da calidade de vida e do benestar da veciñanza. Estas axudas son fundamentais para garantir que esa actividade continúe desenvolvéndose”.

A sesión comezou coa lectura da Declaración Institucional do Concello de Poio polo 8M, unha declaración consensuada entre os tres grupos da corporación que reafirma o seu compromiso coa igualdade real e efectiva entre mulleres e homes en todos os ámbitos da vida municipal. Na declaración institucional, en liña co lema da ONU para 2026, “Dereitos. Xustiza. Acción. Para todas as mulleres e nenas”, destácanse os avances acadados grazas ao movemento feminista, pero tamén a necesidade de seguir combatendo as desigualdades e as violencias que aínda persisten. O texto subliña o papel clave da educación en igualdade desde a infancia, recoñece a contribución das mulleres de Poio e aposta por reforzar políticas públicas que garantan dereitos e constrúan un concello máis xusto e igualitario.

No pleno tamén se aprobou a liquidación do orzamento de 2025, o segundo orzamento do actual Goberno local e que segundo subliñou o alcalde, “consolida a eficiencia, estabilidade e crecemento de Poio, cunha xestión rigorosa dos recursos públicos”.

O orzamento inicial do exercicio era de 14,3 millóns de euros, pero a liquidación final superou os 22 millóns. Ademais, o Concello pechou o exercicio cun remanente de tesouraría positivo próximo aos 300.000 euros e cun aforro neto positivo de 937.236,04 euros. Un dato que, segundo indica o alcalde Ángel Moldes, “é especialmente significativo se se ten en conta que, ao mesmo tempo, continuamos reducindo de xeito importante a débeda herdada coas entidades bancarias, avanzando no obxectivo de sanear as contas municipais, e sen descoidar a atención dos servizos públicos, á baixada de impostos nin os investimentos históricos, que fan que hoxe Poio estea no seu mellor momento”.

No que respecta ao volume de endebedamento, a 31 de decembro de 2025 sitúase no 42,3%, fronte ao 48,41% de 2024, ano no que xa se reducira de xeito importante con respecto aos anteriores: en 2023 situábase no 60,60%, mentres que en 2022 era do 55,19%. Estes datos confirman a tendencia á baixa da débeda municipal nos últimos anos, que se reduciu nun 40% desde 2023. “Este é un informe técnico, realizado pola intervención municipal e os datos que arroxa son claros. Avalan a xestión deste Goberno”, engadiu. Por último, cuestionou que a oposición critique “un remanente positivo de tesourería de 300.000 euros cando a súa última liquidación arrastrou un remanente negativo de 300.000 euros”.

Durante a sesión plenaria tamén se debateron varias mocións presentadas polos grupos da oposición. Sobre estas iniciativas, a concelleira Rocío Cochón subliñou que “non teñen ningunha lexitimidade nin credibilidade para falar de accesibilidade e mantemento do espazo público porque tiveron practicamente trinta anos para demostrar e non fixeron o que agora reclaman”. En relación á Lei de Accesibilidade incluída na moción, explicou que se trata dunha lei galega de 2014 e dunha nacional de 2013, “polo que xa era un dereito cando gobernaban vostedes, pero non o cumpriron e agora agardan que nós poñamos solución en apenas dous anos de Goberno”.

Respecto á accesibilidade da Escola do Campo en Combarro, a concelleira detallou que “non había partida reservada no orzamento nin proxecto para instalar o ascensor. Nós estamos a traballar na parte exterior, que é onde se producen máis caídas, analizando e valorando desde hai meses cales son os mellores materiais para garantir a accesibilidade e que sexan compatibles con Patrimonio”. Tamén criticou a falta de actuación anterior no Pazo Besada, “que é de onde máis queixas recibimos porque a rede do chan é unha trampa”. Cochón engadiu que “o Tripartito maltratou o concello durante 30 anos, cun abandono xeneralizado en beirarrúas, pavimento, sinalización, abastecemento, saneamento, iluminación… O Plan de Choque a esa situación é este Goberno, que está arranxando o que deixaron mal, o que pisa a rúa e fala cos veciños e soluciona os problemas que deixaron”.

A concelleira citou tamén casos concretos do anterior Goberno, como os máis de 40.000 euros gastados en sinais que non se ven, un proxecto de humanización en rúa do Adro que deixaron sen luz e os cambios de iluminarias LED sen modificar o cableado, “provocando problemas que agora estamos a arranxar”. Polo contrario, puxo en valor as actuacións realizadas polo Goberno actual, destacando que “levamos arranxados quilómetros de pavimento en rúas e camiños que levaban 15 anos esperando, como Camiño do Cemiterio, Costa de Arriba ou Xuviño-Esperón. Tamén melloramos o mobiliario urbano, a iluminación e realizamos desbroces, garantindo así maior seguridade e calidade de vida para a veciñanza”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio